O equipo saíu a metade da madrugada para competir á noite co Adareva
09 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O terceiro partido da presente Liga Feminina 2 leva hoxe o Mariscos Antón Cortegada á cancha do Vega Lagunera Adareva Tenerife. Un encontro correspondente á segunda xornada da competición regular programado para as oito da tarde, nove da noite hora peninsular.
Na procura do máximo aforro posible nunha tempada especialmente esixente no tocante aos gastos, a expedición do Mariscos Antón Cortegada partía esta pasada madrugada do venres ao sábado ás 3.30 horas desde Vilagarcía para coller ás 6.00 o avión que a levaba ata o seu destino nas Illas Canarias. Unha expedición formada polas dez xogadoras séniores do conxunto arousán mais o seu corpo técnico, con Javi Nogueira á cabeza.
O técnico do Cortegada describía onte o Vega Lagunera Adareva Tenerife como «un buen equipo, un buen equipo».Certo é, polo que puido ver no seu primeiro e ata hoxe único encontro na LF2 2021/22, quizais excesivamente dependente da súa parella de interiores. A formada pola á-pívot senegalesa Julie Dacosta e pola pívot de Mali Fatoumata Fofana. A primeira completou o choque co Rosalía da primeira xornada con 17 puntos e 10 rebotes, mentres que Fofana o fixo cun dobre-dobre inda máis espectacular de 22-17 que lle valeu un 33 de valoración. Este último, sumado ao 25 de Dacosta, sumaron 58 dos 74 créditos do seu equipo, que derrotou a domicilio o conxunto santiagués por un axustado 62-68.
Javi Nogueira salienta que as dúas son xogadoras «muy atléticas, que penetran muy bien. Cogen el rebote y suben el balón», de aí que advirta da necesidade de «cuidar mucho el rebote por nuestra parte, porque si no Tenerife es capaz de cruzar la pista rápido» e facer moito dano a un Cortegada que chega ao choque coa derrota da primera xornada, hai sete días, e a vitoria un día despois no seu eoncontro adiantado da terceira xornada co Alhaurín de la Torre. Alba Peña, una aleiro con boa man, é o outro perigo do Adareva.