O IES Fermín Bouza Brey abre o décimo cuarto curso da súa FP de baloncesto

p. penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O instituto oferta dous ciclos, de grao medio e superior

28 sep 2021 . Actualizado a las 15:32 h.

O mércores, no salón de actos do IES Fermín Bouza Brey, presentaráse o novo curso académico dos ciclos de grao medio e superior de Técnico Deportivo de Baloncesto. Dúas titulacións de Formación Profesional que se imparten en Galicia unicamente no centro vilagarcián, por décimo cuarto ano.

Os responsables dos dous graos especializados sinalaban onte que o curso manterá a súa habitual estrutura. Así, logo dunha primeira fase teórica, os alumnos farán prácticas en clubs tanto de nivel local e autonómico como de proxección nacional ou mesmo internacional. Ademais, a través dos proxectos Erasmus+, os estudantes dos dous ciclos do Bouza Brey poderán gozar de conferencias con adestradores do Porto CF e de equipos de Suecia, de Grecia e de Alemaña. Tamén optar a bolsas Erasmus coas que facer prácticas en clubs do nivel do Panathinaikos de Grecia, Alba Berlín de Alemaña ou ASVEL Villeurbanne de Francia. O curso clausuraráse cun Clínic Vilagarcía que volverá traer o vindeiro mes de xuño á capital arousá a referentes do traballo diario en grandes canteiras do baloncesto, tanto español como estranxeiro.

O acto de presentación de mañá mércores contará co director do IES Fermín Bouza Brey, Jesús de Andrés, e servirá para descubrir o nome do padriño elixido polos novos estudantes dos dous ciclos de Baloncesto.