Medio millón para unha reforma integral da Rúa Sobrán

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Con esta actuación, o executivo socialista acondicionará unha vía que sufre un grave deterioro, tanto estético como funcional

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mesa de Contratación vén de propoñer á adxudicación das obras de Humanización e Renovación de Servizos da Rúa Sobrán, en Vilaxoán, á empresa J.M. Iglesias, ao ser a súa a oferta que obtivo maior puntuación entre as doce que se presentaron á licitación pública. O contrato, a adxudicar o luns na Xunta de Goberno Local, firmarase por importe de 470.900 euros, o que supón unha rebaixa no prezo de licitación de 129.100 euros. Ademais da parte económica, a empresa ofertou como mellora a ampliación en doce meses do prazo de garantía da obra, que pasa a ser de dous anos. Con esta actuación, o executivo socialista acondicionará unha vía que sufre un grave deterioro, tanto estético como funcional, e mellorará considerablemente a accesibilidade, así como a prestación dos servizos básicos á veciñanza. Non en van, o proxecto é un dos máis importantes que o Concello ten previsto levar a cabo no actual mandato, tanto en investimento como no que ao calado dos traballos a realizar se refire. Ademais, a execución da obra é un compromiso adquirido polo goberno de Alberto Varela cos veciños desta zona de Vilaxoán, que sofren dende hai tempo as incomodidades do mal estado da rúa e das obsoletas canalizacións dos servizos, que rompen de forma asidua causando cortes de auga, así como cortes de tráfico por afundimentos e aparición de buracos na calzada.

Dúas partes

O proxecto ten dous ámbitos de actuación. Por un lado, a renovación das redes de abastecemento de auga, saneamento e alumeado, así como a instalación das canalizacións para soterrar os cableados de telecomunicacións e tendido eléctrico. Polo outro, reformará toda a superficie da calzada, adaptándoa a criterios de accesibilidade e seguridade viaria e mellorando a estética.

A actuación prevista afecta aos setecentos metros de rúa comprendidos entre os semáforos da igrexa, na avenida de Vilanova, ata o cruce que leva ao colexio. No primeiro tramo, a intervención adaptarase aos criterios establecidos por Patrimonio ao enmarcarse na contorna dos bens históricos protexidos do Pazo e da igrexa de San Martiño de Sobrán. Aquí, a pedra será o elemento principal a utilizar na reforma, aplicándose en forma de lousas na parte dedicada a beirarrúas, e de adoquíns no que é a zona de circulación. No segundo tramo, onde xa só existen vivendas actuais, utilizarase o formigón fratasado para as beirarrúas e asfalto para a vía. A accesibilidade predominará en toda a actuación. Para garantila, toda a calzada irá a un mesmo nivel e o límite de velocidade reducirase aos 20 quilómetros por hora, seguindo a normativa para este tipo de vías.

Unha vez aprobada a adxudicación, a empresa deberá presentar a documentación necesaria para firmar o contrato e, a partir de aí xa se pode programar o inicio das esperadas obras que teñen un prazo de execución de 6 meses.