Éxito da edición «máis difícil e arriscada» do EncestaRías

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

Ao ambiente en Fontecarmoa sumouse o tirón da primeira retransmisión «online»

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha edición exitosa outra vez». Iván Villar, alma mater do Torneo EncestaRías ACB xunto a Diego Doval, non agochaba onte, co cansancio inda evidente de tres xornadas maratonianas de traballo e as moitas que viñeron antes, a satisfacción da organización do cuadrangular. Porque, como nas cinco edicións precedentes, a competición volveu do parón forzoso pola pandemia coa mesma forza de sempre e a mesma capacidade para trasladar a maxia e a calidade da segunda mellor liga nacional de clubs de baloncesto do planeta ao parqué dun modesto pavillón dunha localidade de nin 38.000 habitantes.

Conseguiu a organización do EncestaRías rematar co mesmo doce sabor de boca dos anos pre covid-19 sendo esta «a edición máis difícil polos condicionantes da pandemia» e tamén «economicamente a máis arriscada». Só a ampliación a última hora do aforo máximo permitido no Pavillón de Fontecarmoa, que pasou de 250 a 415 espectadores, acabou de asegurar a sanidade financeira do EncestaRías di Villar, quen explica que «coa presenza do Breogán e coa continuidade do apoio das institucións conseguimos equilibrar ingresos e gastos». Cun cartel no que, ao seguro tirón entre o público galego da presenza do Obradoiro, se sumou «contar co Unicaja e co Joventut, que viñan de facer unha boa tempada e sempre saen con aspiracións de xogar os play-offs da ACB».

A satisfacción dos organizadores do Torneo EncestaRías foi completa tras coñecer as audiencias da primeira edición retransmitida, a través de internet vía streaming. Onte a media tarde eran 36.750 as visualizacións acumuladas dos catro partidos disputados, co encontro de apertura, entre o Breogán e o Joventut, como o máis visto, con 11.907 visualizacións. 36.750 que case cuadriplican as previsións iniciais manexadas polos responsables do EncestaRías, confesa Villar.