Revenidas, a cultura a bailar co mar

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Vilaxoán espertará mañá convertido no corazón musical de Galicia

07 sep 2021 . Actualizado a las 20:29 h.

O festival Revenidas é un espazo coñecido para Pauliña. Asiste a el dende cativa: primeiro coma público, logo xa coma artista. A cambadesa atopou na beira do mar vilaxoanés un lugar «súper cómodo, súper confortable, para medrar como artista». E nese proceso está, medrando, aínda que xa ten a talla dunha muller capaz de gañar ao público coa súa voz, a súa guitarra e unhas letras que chaman ao combate por un mundo mellor. Demostrouno onte, na presentación oficial das Revenidas. Probablemente tivera razón a presidenta da Deputación, Carmela Silva, cando despois de escoitala asegurou que non había mellor carta de presentación para o festival vilaxoanés que «esta voz de muller, que fala en galego de construír unha sociedade mellor».

Ao fin e ao cabo, a cita que dende mañá mesmo se desenvolverá en Vilaxoán é un dos festivais máis particulares de todos cantos teñen lugar en Galicia. Un dos máis orixinais, feito a imaxe e semellanza do pobo que o veu nacer. Que non? O Revenidas ten cheiro e sabor a mar, a peirao, a tradición mariñeira, como Vilaxoán mesmo. O Revenidas destila paixón pola cultura galega: pola música, si, pero tamén pola lingua, polas letras, pola arte en xeral, tal e como quedará demostrado nesta edición cun certame de ilustración. O Revenidas, en fin, ten ese espírito de combate que caracteriza á xente dun pobo que perdería o seu concello, pero non a súa dignidade. E teno mesturado, ademais, con ese desexo de facer soprar os ventos do cambio para conseguir unha sociedade mellor, máis xusta, máis solidaria, máis comprometida.

De este carácter indómito das Revenidas teñen culpa, non podía ser doutro xeito, quen dende hai anos traballa para organizar este festival. Xoán Quintáns e Bobi Boullosa son as caras visibles da equipa que está detrás de todo isto. Ao primeiro tocoulle onte actuar como mestre de cerimonias na presentación do evento no Fogar do Pescador. «É un orgullo estar aquí, xa só polo feito de estar», comezou dicindo. Recordou o amargo paso que está a vivir o sector cultural, castigado unha, dúas e máis veces pola pandemia. «Revenidas volve, adaptado ás circunstancias pero intentando manter a esencia». Non poderá haber sardiñada, nin zona de acampada. Pero volverá a sonar a música grazas a «un cartel moi poderoso» no que a aposta é clara e rotundamente polo local, polo noso.

Xa sempre foi así, pero este ano aínda máis, explicaba Quintáns, quen recalcou unha e outra vez que o festival de Vilaxoán «non só é música». De feito, bota a andar o programa mañá mesmo, porque o mércores é un día tan bo coma calquera outro para redescubrir Vilaxoán da man de Xurxo Souto. A concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón (PSOE), recomendou participar nunha experiencia que «paga a pena». Desta volta, rematará o paseo cunha demostración de cociña en vivo que impartirán dous cociñeiros do restaurante A horta do Obradoiro. «Non so hai música» nas Revenidas, malia que a música o invada todo e mesmo se suba no barco Chasula para sumarse aos «concertos a bordo», unha experiencia na que as actuacións en directo compartirán espazo e protagonismo co mar e cos seus oficios. Os doce participantes en cada viaxe do barco poderán ver de cerca como funciona unha batea e achegarse ao mundo da cultura mariñeira.

Volve resoar a voz de Quintáns, advertindo que As Revenidas son máis que os concertos que forman o seu esqueleto. Mentres el e os demais participantes no acto de presentación falan, ás súas costas Ras debuxa unha sardiña, o símbolo do festival, sobre un falso muro. De igual xeito, durante os concertos, quince ilustradores galegos condensarán en debuxos os distintos espectáculos. Esas pezas, logo, serán subhastadas e o que se recade irá destinado a entidades benéficas que, a bo seguro, teñen buratos de sobra para tapar.

Esa cara comprometida volve asomar na decisión de implantar un plan de igualdade, que no planto musical «queda reflectido na numerosa presenza feminina entre os artistas que conforman o cartel, pero tamén no resto dos seus ámbitos: traballadoras, seguridade, ilustradoras, decoradoras…». Toda esa xente moverase polo recinto, composto por tres escenarios: Xacobeo 21-22, FestGalicia e Deleite, este último na praza Rafael Pazos e orientado a actividades dirixidas a público familiar. Pero Revenidas estará tamén nas redes sociais, a través dun podcast diario, Ondiñas, no que o xornalista Carlos Crespo entrevistará aos artistas e patrocinadores do evento. Porque sen patrocinadores, non hai festival. Neste caso, o Concello, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a través do Xacobeo e de FestGalicia, déronse a man para fomentar este certame, segundo recalcou o director do Agadic Jacobo Sutil. Ademáis, Mahou e Deleite contribuíron de xeito decisivo á facer destas unas Revenidas «case normais». Case. O festival acollerá a 1.500 persoas en dous sectores, cada un deles con todos os servizos e con todas as medidas sanitarias que contempla a normativa vixente. «A organización esmerouse», dixo o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

O programa

  • MÉRCORES

Redescubre Vilaxoán. A partir das 18 horas, partindo da praza Rafael Pazos, o músico e escritor Xurxo Souto realizará un roteiro guiado e musicado pola vila. Ata 25 persoas. De seguido, demostración de cociña.

Duendeneta. 21 horas. Praza Rafael pintos, sesión da Duendeneta by Fest Galicia.

  • XOVES

Saaabor! A partir das 19 horas, Rafael Pazos, Félix Rodríguez e Fran Rei presentarán un espectáculo cómico para todos os públicos que mestura música, maxia, humor...

Os concertos. Tanxugueiras, Los Rastreadores, Verto.

  • VENRES

Peter Punk. O venres, ás 19 horas, chegará á praza un dos artistas imprescindibles no Revenidas.

Concertos. Laura Lamontagne &Picoamperio; Ciudad Jara; Los chicos del maíz.

  • SÁBADO

Paco Nogueiras. Ás 19 horas, en Rafael Pintos.

Sesión vermú. A banda da loba e Guadi Galego.

Concertos. Talco Maskerade, A Rabela e Boyanka Kostova.

Concertos a bordo. Pauliña, Dakidarría, Xiana e Andrea.

  • DOMINGO

Desastronauts. 19 horas, espectáculo de voadores e cheo de humor a cargo de Raquel Veganzones e Girisho Gordon.

Vermú. Xabier Díaz e Aduferias de Salitre.

Concertos. Zoo, Mounqup, Monoulious Dop.

A bordo. Jásper e Nébeda, Sofía e Espiñeira, Leo e Arremecaghoná.