Marta Fierro: «Quero producir a bandas galegas»

eva fuentes VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Juan Perez-Fajardo

Participou onte nunha xornada arredor da música feita en galego

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas persoas poden acadar facer dun tema, un éxito, e Marta Fierro -máis coñecida como Eme dj- é unha delas. Foi elixida en tres ocasións como a mellor dj nacional pola revista Rockdelux e pinchou nos festivais máis importantes do panorama nacional. A galega fíxose un oco na súa axenda para desembarcar onte en Vilagarcía e, no contexto do ciclo O papel dos dj’s na difusión da música galega, reivindicar o poder do gremio á hora de impulsar a cultura galega e, sobre todo, o idioma.

-Recentemente lanzaches un remix con Verto. Estás apostando por darlle visibilidade a artistas emerxentes galegos?

-Todo o que se poida. De feito agora mesmo estoume preparando para producir a outras bandas, estou estudando a tope. Gustaríame producilas, se son galegas mellor. Darlle saída a outros artistas emerxentes é o que máis me gustaría agora mesmo.

-Hai toda unha xeración de artistas que apostan pola música en galego, que futuro auguras para eles?

-Espero que, se todo vai ben e volvemos á normalidade, poidan formar parte do cartel de todos os festivais nacionais. Aposto moito por artistas como Verto, que xunto a Ortiga, Triángulo de Amor Bizarro ou Novedades Carminha son xa uns grandes consolidados. Encantaríame botarlles unha man en todo o que eu lles poida axudar, claro.

- Cal é a túa opinión sobre un evento coma o celebrado en VIlagarcía sobre o papel dos dj’s na difusión da música galega?

-É moi necesario que, por un lado, se lle da visibilidade aos dj’s, xa que non só nos limitamos a poñer música. E por outro, porque non adoitamos ter voz neste tipo de encontros. Limitámonos a pinchar e pouco máis, entón que nos fagan protagonistas nun evento como este. Eventos nos que poidamos falar, expresarnos e comunicar con música de outros... Está moi ben que por fin se fixera algo así

-Son poucas as veces nas que os dj’s son tidos en conta á hora de deseñar políticas de difusión da cultura galega e do idioma?

-Por iso isto paréceme unha idea estupenda e espero que non sexa a última vez que poidamos facer algo parecido. É algo moi necesario, sobre todo agora que estamos nun punto tan raro na industria musical. Con isto estamos dando a coñecer a outros artistas e estamos a posicionar a Galicia no mundo cultural.