O centro de acollida de cans da Deputación agarda un récord de adopcións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa saída, o pasado xoves, de nove cans e cadelas, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de superar a cifra das tres mil adopcións acadadas desde 2015. Unha cifra impulsada polos rexistros acadados nos últimos dous anos, en que as instalacións da Armenteira superaron, consecutivamente, o seu récord anual de adopcións. Así, no 2019, foron 466 animais que atoparon un novo fogar e no 2020 a cifra creceu ata os 583.

As previsións apuntan tamén a que este 2021 será outro ano histórico no centro da institución provincial, xa que ata o 19 de agosto o número de cans e cadelas adoptados foi de 461, cun espectacular incremento do 47,7 % con respecto ao pasado ano por estas mesmas datas.

Este pasado xoves alcanzou as 3.007 adopcións desde o 2015, coa saída de nove animais: Calista, Calisto, Lois e Pedro ao seu novo fogar en Vigo; así como as de Xurxo e Peru a Pontevedra e as de Goio, Mero e Bernal, que xa desfrutan coas súas novas familias nos concellos do Rosal, Madrid e Cuntis respectivamente. Todos eles entraran no centro nos últimos dous meses e incluso Mero tan só pasou no CAAN 17 días trala súa recollida o 2 de agosto en Vila de Cruces. Destaca tamén a historia de Calista e Calisto, dous cans que foran recollidos o 12 de xullo en Lalín e que saíron xuntos tamén o mesmo día cara ao seu novo fogar en Vigo.