Vilagarcía inicia a súa particular conta atrás para se converter o luns unha «Cidade de libro»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A feira do libro é froito da colaboración entre as concellerías de Cultura e Promoción Económica
A feira do libro é froito da colaboración entre as concellerías de Cultura e Promoción Económica Martina Miser

A capital arousá recupera a feira do libro cunha chea de actividades: teatro, contos, debates literarios e moito máis

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana de actividades do evento literario «Vilagarcía, Cidade de Libro» arranca este luns cunha xornada dedicada por completo á literatura ligada á peregrinación Xacobea. Neste marco, os actos principais do día terán como escenario a Ruta Marítimo Fluvial Xacobea e a Illa de Cortegada, marcos nos que se desenvolverán a inauguración oficial e a presentación do libro de Carlos Meixide Camiño de Paixóns. A Cidade de Libro abrirase ás 18.00 horas na Praza da II República, contorna na que ademais das casetas de librerías e editoriais se desenvolverán numerosas actividades, como unha performance e unha obra de teatro, ademais de obradorios, contacontos e outras actividades dirixidas ao público infantil.

A xornada inaugural de «Vilagarcía, Cidade de Libro» leva por título Un Camiño de Conto e conta co patrocinio do Xacobeo 21. O programa comeza ás 11.00 horas cunha travesía a bordo do galeón Cortegada, no que as autoridades locais e autonómicas, remontarán un tramo da singradura que seguiron o restos do Apóstolo cara ao seu destino en Compostela, no que se ven a chamar a A Orixe do todos os Camiños. Xa ás doce terá lugar na propia Illa de Cortegada a presentación do libro Camiño de Paixóns, de Carlos Meixide. O escritor e xornalista nacido en Vilagarcía vén de gañar con esta obra o Premio de Novela Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea. A presentación é un acto público aberto á participación de 18 persoas, que poderán asistir de balde previa inscrición no Auditorio. O Concello, claro, facilitará o traslado dos asistentes dende o peirao de Carril ata Cortegada e a volta ao remate do acto.

Pero hai máis actos programados. Mentres todo iso ocorre en Cortegada, durante toda a mañá o Libro con Rodas percorrerá varios colexios do municipio cos seus Contos no Camiño. Estará ás dez menos cuarto no centro de Rubiáns, ás once no de Vilaxoán e ás doce e cuarto no da Lomba.