Vilagarcía convértese do 21 ao 27 de xuño nunha «cidade de libro»

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A praza da II República acollerá unha feira con casetas nas que os autores asinarán libros e haberá encontros e rutas literarias, obradoiros e teatro

11 jun 2021 . Actualizado a las 16:51 h.

O libro axudou moito a levar esta pandemia e no Concello de Vilagarcía queren corresponderlle ao mundo editorial poñendo á súa disposición un espazo para achegarse á literatura. Será do 21 ao 27 de xuño na praza da II República baixo o lema Vilagarcía Cidade de Libro. Durante esa semana haberá unha feira con casetas e firma de libros, encontros con autores, rutas literarias, obradoiros, teatro e contacontos para os máis cativos. As actividades serán de carácter gratuíto e a entrada libre ata completar o aforo; só nos casos dos roteiros literarios e dun «scaperoom» será necesaria inscrición previa.

O Concello informa que a vindeira semana dará a coñece polo miúdo a programación para os sete días da semana. Entre tanto avanzou xa a programa para o luns 21, xornada que se dedicará ao fenómeno xacobeo. Ás 11 horas procederase á inauguración de Vilagarcía Cidade do Libro coa saída desde o porto de Carril dunha travesía en barco seguindo o itinerario Orixe de todos os camiños. Ás 12 horas haberá un encontro literario con Carlos Meixide na illa de Cortegada e a partir das seis da tarde comezará a actividade na praza da II República coa apertura das casetas, a celebración dun obradoiro e un contacontos; ás 21 horas comezará unha obra de teatro.  Esa mesma mañá, Un libro con rodas iniciará un percorrido pola cidade que, nesta primeira etapa, levarao aos centros de ensino.

Se o luns é o xacobeo o que inspirará a xornada literaria, o martes centrarase na relación da muller e o libro e o mércores versará sobre a novela histórica; o xoves dedicarase á relación do cine coa literatura; o venres á fantasía e a ciencia ficción, o sábado falarase moito de novela negra e o domingo dedicarase ao libro infantil e xuvenil.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, fala da importancia desta cita -«vai ser algo grande para a cidade», dixo- e eloxiou o traballo feito polas concelleiras Sonia Outón e Alba Briones á hora de organizar esta primeira edición.

Listado de escritores

Vilagarcía Cidade de Libro nace con ambición e presume de cartel no que atinxe á nómina de escritores que eses días pasarán por esta feira literaria: Jorge Molist, Idelfonso Falcones, María Oruña, Domingo Villar, Manuel Loureiro, Nacho Carretero, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Nieves Abarca, Marilar Aleixandre, Manuel Gago Mariño, Paula Carballeira, Carlos Meixide, Marcos Calveiro, Manuel Oubiña Losada, Montse Fajardo, Arantxa Portabales, Elio Quiroga e os ilustradores Kiko Dasilva e Miguel Anxo Prado.

Alberto Varela presentou esta actividade como un suma e segue na política de promoción cultural e económica do Concello, seguindo a liña doutros eventos como o Clasclás, o Espavila, o Curtas, o Festaclown ou programa Achégate ao Salón, que recuperarase en canto a situación sanitaria o permita, segundo adiantou onte o goberno local.