Carlos Gherdhardt: «Ascender en Meaño, de capitán e cos amigos é o máis importante que fixen no balonmán»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Gherdhardt di que o Asmubal lle devolveu a ilusión polo balonmán que perdera na Asobal

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño acadaba o pasado domingo o que moi poucos equipos dunha localidade do seu tamaño chegan a conseguir. Un ascenso a categoría nacional, e ademais, co plus de facelo na casa, ante a súa afección, e cun xogador saído da súa canteira coma líder no campo. Carlos Gherdhardt Chaves (Meaño, 19/IX/1993) recibiu o trofeo ao xogador máis valioso do sector de acceso á Primeira Estatal Masculina disputado no Pavillón Municipal de Coirón. O terceiro ascenso á división de bronce do balonmán español da carreira do extremo/lateral esquerdo noutros tantos intentos, logo de facer o propio nas filas do Poio e do Teucro B. Un club este último no que completou a súa etapa de formación e no que botou unha tempada en División de Honra Prata e tres na Asobal, incluídas as dúas que precederon o regreso de Gherdhardt ao club das súas orixes no verán do 2019.

-Que o levou a deixar a Asobal? Custoulle renunciar a continuar na máxima categoría para xogar nun equipo de Segunda Autonómica?

-Moitas cousas. Hai momentos nos que hai que pensar no futuro. Ía a Pontevedra compensado só cos cartos do coche. Nese momento tíveno claro. Eu estiven a piques de deixar o balonmán, porque non estaba contento. Tiven daquela varias ofertas, dúas de Prata e unha de Primeira Estatal, e rexeiteinas todas, agás este proxecto. E non me arrepinto. Cando volvín a Meaño había un proxecto moi interesante. Víctor era o meu amigo, e apostei por el. Grazas a aceptar este proxecto volveume a ilusión polo balonmán.

-Meañés, capitán do equipo e elixido mellor xogador da fase de ascenso. Non sei cal das tres circunstancias lle dá máis valor ao ascenso do Asmubal a nivel persoal?

-Pois facelo como capitán. A verdade é que, teño que dicilo, de todo o que fixen no balonmán, isto é o máis importante. Ascender en Meaño, na casa, sendo capitán e cos meus amigos. Porque ao final no equipo somos todos amigos. Nunca estiven nun equipo no que nos levaramos tan ben todos, un grupo humano así.

-O luns, o seu adestrador, Víctor Garrido, falaba precisamente desa conexión do grupo humano reunido arredor do equipo e da directiva para explicar o éxito do proxecto. Cal cre vostede que foi a fórmula do ascenso?

-Eu creo que a principal é esa, o grupo que tivemos. Conectamos todos ben. Víctor xa tentou buscar xente idónea para compaxinármonos todos. E conectamos todos moi ben. E iso axuda moito. Se un vai por un lado e outro polo outro, nunca acaba funcionando, por moi bos que foramos todos.

-Cal é o peso de Carlos Gherdhardt neste histórico salto do Asmubal á categoría estatal?

-O meu peso? Eu son dos máis veteráns do equipo e xa teño unha experiencia no balonmán. A tranquilidade nos partidos, saber tirar dos compañeiros e do equipo. Ás veces non todo o mundo está no partido, eu incluído. Sempre axuda ter alguén no equipo que tire por un.

-Para quen non entenda de balonmán, vostede, que xogou en todas as súas categorías, empezando pola Asobal, díganos que supón para unha localidade duns 5.000 habitantes coma Meaño competir na Primeira Estatal?

-Eu creo que é un paso moi, moi importante para o balonmán meañés. Nunca se conseguira nada parecido. Creo que se demostrou esta semana con tanta xente apoiándonos. Nunca vin tanta xente apoiándonos. E no Salnés agora mesmo non hai ningún outro equipo nacional.

-En cuestión de poucos anos o Asmubal pasou a converterse no club referente do balonmán na franxa norte de Pontevedra, unha das provincias con máis tradición e potencia do balonmán español. Como ve o proxecto do club máis aló do equipo sénior masculino?

-Eu son o adestrador dos equipos infantil feminino e das cadetes e xuvenís femininas. Para ser algo no balonmán tes que ter unha boa base. E en Meaño, das xeracións infantil feminina e cadete masculina van saír moitas xogadoras e xogadores para os primeiros equipos. E iso é o que che vai dar o salto de calidade para competir. Non podes depender sempre da xente de fóra, porque somos un pobo pequeniño. A vez anterior que estivera no club, haberá uns sete anos, non era nin a metade do que é agora. Mellorou moitísimo. Ogallá siga medrando ano a ano. Se nos mantemos nós e soben as rapazas a Prata vai haber un salto de calidade enorme. E máis se esas xeracións que veñan atrás se confirman. Dúas xeracións completas, 15-16 rapazas e rapaces con potencial, xogadores que poden facer cousas.

«Temos un equipo moi compensado. Con dous ou tres reforzos chegaría para o vindeiro ano»

Seis anos tiña Carlos Gherdhardt cando se iniciou no balonmán no Asmubal, co seu pai, Tomás, na presidencia. Aos 14 marchou ao Teucro, onde completou a súa etapa de formación cun breve paso pola base do Rasoeiro. O meañés disputou co Teucro un Campionato de España Xuvenil sendo inda cadete, rematando o equipo no Top 8, e debutou na División de Honra Prata con só 16 anos da man de Modesto. Tras dous primeiros cursos sénior no Poio, en Primeira Autonómica e Estatal, e un efémero retorno ao Asmubal, volveu ao Teucro, ao filial de Primeira Autonómica, onde non tardou en chamar a atención de Quique Domínguez, que o fixo debutar en Asobal de titular en defensa. Aos seus 27 anos, un título en D.H. Prata e tres tempadas na Asobal fan de Carlos un dos xogadores con mellor cartel no balonmán galego.

-Acompañará Carlos Gherdhardt o Asmubal á Primeira Estatal?

-Eu espero poder. Espero poder. Hai que seguir co traballo. Pelexamos por iso. É a miña ilusión. Pero non depende de min.

-De quen depende entón?

-Dependerá do club. Haberá que ver se o club o quere. Esta semana supoño que falaremos todos do ano que vén.

-Que siga Víctor Garrido é condición indispensable para a súa continuidade no equipo?

-Si, si, si. Eu volvín a Meaño por el. Se el segue, eu sigo. É unha cousa que teño clara ao 100 %.

-Coincide con Víctor en que só precisan de dous ou tres reforzos para pelexar con garantías pola permanencia a vindeira tempada?

-Si. Tendo un ou dous primeiras liñas máis e o reforzo dun extremo ou dun defensor central sería perfecto para competir o ano que vén co que tivemos este ano. Temos un equipo moi compensado. Demostramos que podemos competir a un moi bo nivel. Con calquera xogador que entraba en pista non se notaba a diferenza.