O frota arousá copa a metade dos títulos autonómicos de Promesas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

As Torres volveu de Muíños con catro campións e o Pontecesures co ouro cadete feminino por equipos

06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira cita da tempada do piragüismo de categorías base, o Campionato Galego de Inverno de Xóvenes Promesas, rematou o pasado sábado no encoro das Cunchas, no concello ourensán de Muíños, coa frota arousá facendo valer a súa calidade. Con 118 padexeiros dos 626 inscritos, algo máis dun de cada seis, os equipos do Salnés e do Baixo Ulla fixéronse con oito dos dezaseis títulos individuais en xogo, isto é, a metade, e cun dos catro das clasificacións por equipos. O Náutico Pontecesures, xunto co Fluvial de Lugo o club con maior número de embarcacións en competición, 37, rematou á fronte da clasificación cadete feminina, por diante do Kayak Tudense e do Piragüismo Verducido, subcampión e terceiro, respectivamente.

Mais a nivel individual o club arousán con mellores resultados foi o As Torres-Romaría Vikinga. Seus foron algo máis dun terzo dos catorce podios conquistados por padexeiros da beira sur da ría de Arousa en Muíños. Con catro dos cinco metais catoirenses bañados na cor do ouro, todos eles na modalidade de canoa.

Nunha xornada cunha sesión de mañá dedicada ás regatas da categoría infantil e a de tarde á cadete, con todos os deportistas competindo en barco individual sobre unha distancia de 5.000 metros, Daniel Davila e Jairo Zurita déronlle ás Torres-Romaría Vikinga os seus dous primeiros títulos, Davila en infantil B e o seu compañeiro na A; nesta última, con Antonio Silva, do Breogán, bronce. A tamén catoirense Marta Castiñeiras fíxose co título infantil B, encabezando un podio integramente arousán, que completaron Silvia Gago, do Náutico O Muíño, en calidade de subcampioa, e Mariña Busto, padexeira como Castiñeiras das Torres-Romaría Vikinga.

A outra alegría arousá na categoría Infantil B chegou da man de Sofía Parada, do Piragüismo Cambados, ouro no kayak feminino. En Infantil A, ademais do xa apuntado, salientou o triunfo na canoa feminina de Lara Besada, do Breogán do Grove, con Candela Romero, do Náutico Pontecesures, prata.

Na categoría cadete, Pedro Torrado (As Torres-Romaría Vikinga), Lucía Tenreiro (Piragüismo Illa de Arousa) e Natalia Varela (Náutico Pontecesures) gañaron os títulos da canoa A, do kayak feminino B e da canoa feminina B, respectivamente. Varela, coa súa compañeira Nerea Novo subcampioa. Ademais, Antón Dorado (Piragüismo Illa de Arousa) foi prata no kayak cadete B.