O alcalde de Meaño compromete 5.000 euros para o equipo de Prata do Asmubal

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

O goberno local igualaría así a partida extra que no 2017 lle concedera, en forma de convenio, a súa predecesora, Lourdes Ucha, ao Asmubal na súa tempada de estrea en Prata

31 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O derradeiro chamamento de socorro lanzado na tarde do luns pola directiva do Asmubal Meaño ao goberno local que encabeza Carlos Viéitez semella ir ter final feliz. Tal e como lle reclamaban desde o club de referencia do municipio, o Concello colaborará co seu novo salto cualitativo cunha partida específica de 5.000 euros destinada ao equipo sénior que esta tempada regresou á División Honor Plata Femenina, a segunda categoría do balonmán español.

Así o confirmou onte o alcalde meañés ao ser interpelado por este xornal sobre a rolda de prensa na que, coa presidenta da entidade deportiva á cabeza, Silvia Lobato, os xestores do Asmubal Meaño cargaron contra a falta de apoio do goberno local a un equipo que leva o nome do municipio por diferentes prazas non só de Galicia, senón tamén de Asturias, de Cantabria, de Castela-León e de Canarias; incluíndo capitais de provincia e mesmo autonómica coma Valladolid, León e Palencia. Desde o Asmubal, ademais, criticaron o silencio que terían recibido desde o executivo local no último medio ano.

Viéitez recordou os 6.500 euros de axuda do Concello á canteira do club e salientou «a plena disposición que ten do Pavillón de Coirón» antes de comunicar que «temos prevista unha asignación de 5.000 euros para apoiar o equipo de categoría nacional do Asmubal esta tempada, que irá no novo orzamento do Concello». Un orzamento que prevé «sacalo adiante en abril ou maio». O goberno de Viéitez igualaría así a partida extra que no 2017 lle concedera, en forma de convenio, a súa predecesora, Lourdes Ucha, ao Asmubal na súa tempada de estrea en Prata.

O conxunto de Costas xoga en Tenerife un partido clave

No estritamente deportivo, o Asmubal Meaño procede esta noite a normalizar o seu calendario de competición na División Honor Plata Femenina. Xogando, desde as nove e media hora peninsular, co Salud Tenerife nun encontro previsto para o día 7 e aprazado poucas horas antes de que o cadro galego voase a Canarias pola aparición de contaxios por covid-19 nas filas insulares. Coas súas 14 xogadoras dispoñibles, Juan Manuel Costas, o técnico do Asmubal, salienta a importancia dun choque que de gañar situará o Asmubal fóra da zona de descenso, 1 punto por enriba do HBC’74 e a 1 do Tenerife.