Suplicio do Cortegada, que paga o desgaste en Lanzarote: 82-58

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Baloncesto A queima de combustible o mércores fronte ao Celta e a paliza da longa e maratoniana viaxe no día pásanlle factura ante o Magectias

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Menos mal que estamos salvados». Con esta frase comezaba o venres o adestrador da A.D.Cortegada, Javi Nogueira, a relatar a viaxe no mesmo día que lles agardaba ás integrantes do conxunto arousán para chegar onte co tempo practicamente xusto ao Pabellón Municipal de Tías, en Lanzarote, e cumprir co seu penúltimo compromiso desta complicada tempada 2020/21. Con saída de Vilagarcía ás sete e media da mañá e escala en Madrid para iniciar o choque co Magectias Contra Violencia Género nin medio día despois, ás sete da tarde hora peninsular. Co desgaste brutal da noite do mércores fronte ao poderoso Celta pesando inda no físico das xogadoras de Nogueira, que amarraron a permanencia en detrimento dun rival que se estaba xogando o segundo posto na clasificación final, ao Cortegada tocáballe baterse o cobre cun adversario que encaraba o choque na mesma tesitura na que se atopara 72 horas antes no parqué de Fontecarmoa. E como o cadro galego, o Magectias demostrou a forza da necesidade, arrasando toda resistencia do seu adversario para gañar por k.o.: 82-58.

Nada facía presaxiar tan descomunal derrota vilagarciá a medio primeiro cuarto. Sedlakova subía o 8-6 xusto despois de que a ex Cortegada Regina Gómez deixara orfo o cadro canario da súa directora de xogo durante bastantes minutos ao ver xa a súa segunda falta persoal. Pero este Magectias xurdido nos albores da segunda volta da Liga vai máis ca sobrado en modo bimotor. Impulsado pola extraordinaria facilidade anotadora da escolta italiana Camille Giardina, máxima encestadora do encontro con 24 puntos e 31 de valoración, e pola capacidade para facer todo tan ben e fácil dun portento chamado a dar tanto de que falar, a pívot maliense Maimouna Haidara. Un prodixio que con 16 anos fixo o que quixo ante o aro visitante (17 puntos) e salou a terra baixo os pés das xogadoras de Javi Nogueira nos seus 30 minutos en pista, capturando 15 rebotes defensivos, para un total de 17. O Cortegada rematou o encontro con tan só media ducia de segundas opcións de tiro no aro canario.

O Cortegada, que se vía xa 20-10 abaixo ao termo do primeiro acto, reaccionou no minuto e 41 segundos previos ao descanso, facendo pensar cun parcial de 1-10 cunha tripla de Zeltia Presas e sete puntos de Sara Gómez que había partido ao recortar un 28-12 ata o 36-30 co que se foi ao paso intermedio por vestiarios. Nada máis lonxe da realidade.

O Magectias volveu a pista coas pilas recargadas e co recordatorio do moito que se xogaba no envite. Cun 7-0 de saída marcou territorio, entrando no último cuarto cos deberes feitos: 62-43. A fatiga do Cortegada, que xa asomara na espesura do seu xogo na primeira metade, rebordou nas pernas e nas cabezas das mulleres que só 72 horas antes puxeran todo e máis para gañar a gran batalla e permitirlle ao seu técnico exclamar ese «menos mal que estamos salvados».

FICHA DO PARTIDO:

MAGECTIAS (82): Regina Gómez (2), Camille Giardina (24), María Delgado (10), Maimouna Haidara (17) e Carolina Mateo (13) -quinteto titular-; Sara Duarte (4), Carla Medina, Iranzu Drake (2), Samira Olano (2), Natalia García (5), Riolo (1) e Esther Milandu (2).

A.D. CORTEGADA (58): Sara Gómez (15), Patricia Vicente (6), Lorena Castro (2), Cris Loureiro (5) e Tereza Sedlakova (8) -quinteto titular-; Zeltia Presas (8), Míriam García (2), María Centeno, Mercy Wanyama (9) e Irene Montenegro (3). 

PARCIAIS (E MARCADOR) CADA CUARTO: 20-10, 16-20 (36-30, ao descanso); 26-13 (62-43) e 20-15 (82-58, resultado final).

ÁRBITROS E PERSOAIS: Aldo Jesús Rodríguez e Sergio Castro. Sinaláronlle 20 faltas ao Magectias Contra Violencia Género e 23 á Agrupación Deportiva Cortegada. Eliminaron por cinco persoais a xogadora local Esther Milandu.