O Arousa dá o seu primeiro gran paso adiante cara a meta

AROUSA

Martina Miser

A falta de tres xornadas xa clasificou para a miniliga polas dúas prazas directas de ascenso

11 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A singularidade do sistema de competición co que se rexe nesta tempada covid-19 a Terceira División obriga a cada un dos 24 equipos da categoría a enfocar o curso cara dous, ou ata tres horizontes no tempo. No caso do Arousa, o equipo arlequinado ten desde a pasada fin de semana unha preocupación menos, logo de asegurarse co seu triunfo 2-0 sobre o Rápido de Bouzas un dos tres billetes do seu subgrupo á miniliga que desde abril dirimirá o nome dos dous equipos galegos que ascenden directamente á Segunda División R.F.E.F.; categoría que o vindeiro verán relegará a Terceira á quinta competición española.

Semellaba cuestión de tempo que o cadro que dirixe Rafa Sáez cumprise un primeiro obxectivo obrigado para quen manexa un dos orzamentos máis potentes da Liga e construíu un cadro de xogadores acorde á misión que desde hai uns anos ten encomendado o conxunto arlequinado desde a directiva do club: o ascenso. Unha obriga convertida en urxencia no marco dos plans de crecemento de Manolo Abalo para a entidade ante a inminente reestruturación do balompé hispano.

A fin de semana pasada resultou especialmente propicia para os intereses vilagarciáns por canto á vitoria catapultadora sobre un posible rival directo como o Rápido de Bouzas sumáronse a derrota 2-1 do Choco, quinto na táboa do Subgrupo 1B, co Alondras e o empate do Arenteiro, 1-1, no feudo do Barco, co equipo do Carballiño cedendo 2 dos 5 puntos cos que aventaxaba ao Arousa á fronte da táboa. Ademais, no Subgrupo 1A o Somozas caía do segundo ao terceiro posto tras ceder un 1-1 no terreo do Arzúa.

Este último marcador sitúase ao mesmo nivel cos dos rivais do conxunto arlequinado no seu subgrupo por canto na liga que enfrontará aos tres mellores do norte e do sur da Terceira en Galicia os equipos arrastrarán todos os puntos sumados na primeira fase da tempada, medíndose só cos rivais cos que non se enfrontaran neste treito do calendario.

Nove puntos vitais

Así as cousas, os tres encontros que restan para rematar a primeira fase preséntanse vitais para aqueles equipos que aspiran ao ascenso no primeiro trámite -inda quedará despois unha terceira praza con premio nunha terceira fase de eliminatorias directas-. Tres últimas xornadas nas que o Arousa deberá visitar entre esta semana e a que vén a un Estradense lanzado desde o fondo da táboa á cuarta praza, a 3 puntos dun Alondras con dous partidos menos, e a un Ribadumia que pelexa por evitar a fase de permanencia. E na última xornada, na Lomba, recibirá a un Alondras co que se podería xogar o segundo ou mesmo o primeiro posto do subgrupo.