O Breogán copa os títulos galegos de inverno da canoa masculina

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Ouros de Romero, de Barreiro e de Domínguez máis Devesa en K1 Xuvenil e de Pérez (O Muíño) no C1 Sub23

09 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O piragüismo autonómico iniciou o pasado sábado a tempada 2021 coa disputa, no Complexo Deportivo David Cal de Verducido, do Campionato Galego de Inverno. Unha proba que repetiu a súa tradicional distancia de 5.000 metros, con regatas para as categorías xuvenil, Sub-23, sénior e veteranos.

Cinco foron os títulos asinados por padexeiros arousáns, coa expedición do Breogán do Grove copando o protagonismo. Un ano máis, demostrando o club meco o seu poderío cando se trata da canoa masculina de fondo e, como neste caso, mediofondo.

Diego Romero encadeou o seu sétimo título no C1 sénior. E coma é tamén habitual, pelexándose co seu compañeiro de club e de gloria no panorama internacional de maratón, o grovense Tono Campos, nun esprint final que gañou Romero en 23.40,20, segundo e medio menos cos 23.42,11 do subcampión. Fernando Busto, das Torres-Romaría Vikinga, pechou o podio a 32 segundos de Romero, en 24.12,39.

Na regata do C1 Sub-23 David Barreiro deulle o ouro ao Breogán do Grove cun crono de 23.02,37, sacándolle 17 segundos a Pablo Crespo, o subcampión. O título de Diego Domínguez no C1 Xuvenil, en 23.40, con 37 segundos en meta sobre o seu inmediato perseguidor, Mauro Pardavila, do Náutico Rodeira de Cangas, redondeou o pleno breoganista na canoa masculina.

Un dominio que o club meco ameazou con estender ao kayak feminino. Carme Devesa fíxose co ouro no K1 Xuvenil nun dos finais máis espectaculares da primeira cita do calendario piragüista galego, impoñéndose por tan só 8 décimas de segundo á padexeira do Naval de Pontevedra Antía Landeira, 24.41,31 por 24.42,11 na chegada; Lúa Cubiella, do Náutico O Muíño de Ribadumia, colgouse o bronce lonxe da pelexa diante en 25.23,43.

Pouco máis, 1 segundo e 5 centésimas, lle sacou Tania Fernández, do Kayak Tudense (24.19,86), a Tania Álvarez, do Breogán do Grove (24.20,91), no emocionante esprint co que as dúas compañeiras de podio internacional no K2 feminino de maratón completaron os 5.000 metros do Campionato Galego de Inverno.

O piragüismo arousán sumou da man de María Pérez o seu quinto título autonómico o sábado. Coa canoísta do Náutico O Muíño de Ribadumia probando unha superioridade incontestable na regata do C1 Sub-23, que rematou en 27.22,88. Máis de minuto e medio despois, en 28.56,88, cruzaba Claudia Couto, do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra, a meta como subcampioa da especialidade.