O C.D. Ribadumia, entre o ser e o non ser en cuestión de cinco días

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CAPOTILLO

Esta noite recibe o Atios e o domingo visitará o Estradense, os dous conxuntos que o preceden na táboa

17 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco días. Entre hoxe e o domingo o C.D. Ribadumia porá a cero o seu contador de partidos. Disputando a ritmo Champion os dous encontros que tivo que aprazar no arrinque da segunda volta por un caso de covid-19 no vestiario da Senra. Dous choques cruciais de cara a aclarar as opcións de futuro do conxunto aurinegro na Terceira División. Porque ao feito de ter caído á penúltima praza do Subgrupo 1B, o C.D. Ribadumia, con 15 puntos, mídese nos seus dous primeiros compromisos aos dous conxuntos situados neste momento xusto por enriba na clasificación.

Esta noite, desde as 20 horas no Campo Municipal da Senra, o cadro que dirixe o vilanovés Luis Carro recibe a visita do Atios. Dous rivais que se coñecen á perfección, logo de enfrontarse a tempada pasada na Preferente Galicia, compartindo ascenso unha vez a Real Federación Galega de Fútbol deu por boa a clasificación provisional a 8 de marzo do 2020, tras a última xornada de Liga disputada antes do primeiro estado de alarma decretado polo goberno central a raíz da pandemia.

O Atios chega á Senra noveno clasificado no Subgrupo 1B, con dous postos e 4 puntos máis na súa ficha co seu anfitrión, co que, con todo, comparte a urxencia dos puntos en xogo. Tanto pola súa delicada situación, como polas dúas derrotas que vén de encadear, 3-0 a mans do Ourense C.F. e 0-2 fronte ao Choco.

Claro que moito peor é o panorama no C.D. Ribadumia. Os de Luis Carro enlazan cinco xornadas en negativo, con 0 puntos nun negro balance redondeado polos 14 goles encaixados no intervalo, por tan só 6 ao seu favor.

Así as cousas, o técnico aurinegro declaraba na véspera da visita do Atios que «somos conscientes de que temos que romper esta dinámica negativa, na que parece que todo nos pesa e nos sae do revés».

Máis aló do fútbol e do acerto de cara á portería contraria, Luis Carro condensa a fórmula para saír das areas movedizas nas que caeu o C.D. Ribadumia nunha palabra: Confianza. «Necesitamos confianza». Porque só con confianza é como o seu equipo conseguirá recuperar ese xogo atrevido que se converteu no seu santo e sinal desde a chegada do vilanovés ao banco da Senra e tras a cal se explican tanto o regreso á Terceira o pasado verán como os seus excelentes resultados na primeira volta da presente Liga.

E o domingo, o Estradense

Sen os mancados de longa duración Fran Matos e Paco e con Pablo González inda enfermo, Luis Carro engade hoxe a baixa de Dieguito, que se atopa de viaxe. Sen eles, deberá superar a un Atios «moi difícil de derrotar, que presenta partidos moi pechados», apunta o adestrador local. Toca gañar si ou si. E volver facelo este domingo, de mañá no campo dun C.D. Estradense antepenúltimo con unicamente un punto máis có C.D. Ribadumia.