Subidón de Jéssica Bouzas no ránking WTA, virtualmente número 679

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Os dous triunfos no Cairo proporcionáronlle 20 puntos

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Jéssica Bouzas arrincaba o 1 de xaneiro o seu primeiro ano como tenista sénior ocupando o posto número 855 no ránking WTA, o circuito mundial de referencia no tenis feminino, ese no que cada ano se dilucidan as campioas do Aberto de Australia, de Roland Garros, de Wimbledon e do Aberto dos Estados Unidos. Como cada luns, onte a Women's Tennis Association actualizaba o seu listado de xogadoras. E nel a vilagarciá pasaba a figurar no posto 749, unha subida de 106 puntos. Mais o certo é que a alumna da Academia Tenis Ferrer debe de ser xa nestes momentos a 679ª. mellor raqueta feminina do planeta.

Así a lo menos se acredita en live-tennis.eu, portal especializado no seguimento e na actualización dos ránkings do tenis profesional, tanto de homes coma de mulleres. Unha fonte informativa de referencia entre as persoas que viven deste deporte e que, ao contrario ca páxina web da WTA, xa ten computados os dous triunfos cos que Jéssica Bouzas iniciou a súa etapa sénior.

Así as cousas, mentres a canle oficial da Women's Tennis Association mantiña o luns da semana pasada sen cambios a situación da arousá no seu ránking, onte unicamente lle sumou os 10 puntos do seu primeiro triunfo no Cairo, o domingo día 10. Unha variación substanciada nunha suba de 106 postos ao pasar dos 23 puntos cos que remataba o 2020 a 33. En live-tennis.eu xa contabilizaran estes mesmos datos sete días atrás, procedendo onte a engadirlle a Bouzas outros 10 puntos, para un total de 43. Con eles e feita a actualización semanal do resto das xogadoras en competición entre o 11 e 17 de xaneiro, o portal especializado fala dun crecemento de 70 postos da alumna da Academia Tenis Ferrer tras a súa vitoria o pasado domingo por un dobre 6-0 sobre a rusa Anastasia Nefedova, ubicándoa no xa sinalado posto 679 do ránking mundial. Ou o que é o mesmo, unha escalada de 176 chanzos en cuestión de catorce días desde o número 855 co que Jéssica despedíu o seu ciclo Sub-18.