Co 2021 entramos no Decenio das Nacións Unidas para un Envellecemento Saudable, declarado o pasado mes de decembro
10 ene 2021 . Actualizado a las 16:48 h.Nestes días de inicio de ano parece propio ilusionarnos con proxectos, afáns e propósitos, para encararmos con forza, vitalidade, un ciclo novo. Repítese como mantra aquela frase feita, que non é de Unamuno, de renovarse o morir e, quéirase ou non, todo iso vai vinculado á crenza na xuventude como etapa para lograr desexos, contraposta á vellez na que semella que se carece de dereito a participar no futuro ou ter soños. A Medicina, a alimentación, a hixiene, os avances en tódolos campos sociais, conseguiron incrementar a esperanza de vida nos países desenvolvidos, menos asolados por penurias. Aínda que, claro, a medida da mocidade cambiou en pouco tempo: lembro unha foto da miña avoa aos seus cincuenta anos participando nunha malla -un setembro, imaxino-, vestida integramente de negro, con pano ao curro, na que aparece cunha faciana que facilmente apoñeriamos agora á dunha muller de oitenta, aínda que a idade que tiña sería, vista desde hoxe, a dunha moza. Co 2021 entramos no Decenio das Nacións Unidas para un Envellecemento Saudable, declarado o pasado decembro, no medio dunha peste que mata sobre todo naqueles países con máis poboación maior dos sesenta anos. Países nos que, tamén, se tende a considerar como trastes vellos ás persoas que superaron unha determinada idade ou que se atopan nunha situación de dependencia, sen outro destino que seren acumulados en faios e alpendres para alí seren esquecidos confinados, sen participar na sociedade. Convén lembrar que no mundo entre 2019 e 2030 estas persoas, eu entre elas, pasarán desde mil ata mil catrocentos millóns, superando ás que se consideran mocidade. Que teñan ollo os augures electorais. Coa pandemia resultou obvio que, a pesar do coñecido que é o envellecemento da poboación, moitos sistemas de saúde non estaban preparados para responder ás súas necesidades, cuns servizos de asistencia a longo prazo para maiores privatizados maioritariamente e inadecuadamente integrados nos sistemas sociais e sanitarios. E, por iso, o impacto do covid-19 foi devastador nas residencias sacando ademais a flote que nesas sociedades enraizou o idadismo, -estereotipos, prexuízos e discriminación contra as persoas, especialmente mulleres, debido á súa idade- dándose instrucións criminais ao negar acceso a tratamentos médicos aos maiores, particularmente aos internos, presos, en residencias. Eu, que me sinto mozo e forte, áxil de mente, podería en poucos anos ser clasificado como un cacharro vello, un armatoste inservible ou un trebello para despece. Négome, porque como calquera, no futuro quero seguir participando activamente na sociedade e contribuíndo ao seu desenvolvemento. Para iso necesítase, e esixo, gasto social que manteña o acceso aos sistemas de saúde, educación e protección social e que se garanta vivir dignamente, aínda que se precise atención crónica. Hai que loitar para asegurar a igualdade de oportunidades e que as persoas de idade gocen plenamente dos dereitos humanos e continúen despregando o seu potencial. Lembremos que a esperanza de vida en Galicia pasa dos oitenta anos e non ten sentido non podermos engadir vida á idade.