O Vilalonga renuncia finalmente a competir e o presidente pide perdón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Marcelo Muñiz atribúe a inscrición na Liga de Preferente a un erro no papeleo

04 ene 2021 . Actualizado a las 23:13 h.

«Non poderiamos ser partícipes da irresponsabilidade que suporía reanudar as competicións co protocolo proposto pola Real Federación Galega de Fútbol de nula viabilidade para calquera equipo modesto como o noso». Con párrafos coma este, a decisión feita pública o 22 de decembro pola directiva do Vilalonga, co seu presidente, Marcelo Muñiz, á cabeza, non deixaba lugar á dúbida. Ata que o 1 de xaneiro a Federación incluía o nome do club sanxenxino no listado de 18 equipos que decidían inscribirse para iniciar, o 24 de xaneiro como primeira data manexada, a Liga de Preferente Galicia nos tres subgrupos nos que este ano dividiu a competición o ente federativo. O aparente cambio radical de opinión do club do Novo San Pedro causou sorpresa na categoría. Especialmente entre os seus veciños de municipio, co presidente do Xuventú Sanxenxo -o Portonovo tampouco se inscribiu- criticando con dureza o cambio de criterio daqueles que fixeran pública a súa renuncia a competir esta tempada, ás portas dunha terceira vagada de infeccións por covid-19. Todo volveu dar un xiro de 180 graos. A expensas da xuntanza da directiva celeste, atendendo á palabra do seu presidente o Vilalonga non sairá a xogar esta campaña, asumindo a peaxe do descenso á Primeira Galicia ditado pola Federación Galega.

«Inda que me custe o cargo, podo dicir que o Vilalonga non vai competir esta tempada. Fixo». Así de contundente se manifestou o seu presidente. Marcelo Muñiz, afastado da xestión do club durante os derradeiros días do 2020 e o inicio do 2021 polo pasamento do seu pai, atribuíu a inscrición do cadro sanxenxino na Liga a «unha mala xestión burocrática. Nós queriamos informarlle á Federación de que non iamos xogar. Dalgunha maneira fixémolo mal». Un erro que, entende, deu paso a un aparente cambio de criterio na súa directiva que «a todo o mundo lle chocou» e polo que «pido desculpas», consciente do malestar que puido orixinar entre xente da categoría, especialmente nos seus veciños de municipio, onde Xuventú Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga chegaran ao final do prazo de inscrición compartindo criterio. «Fixemos unha mala xestión. Mea culpa. Pido desculpas se alguén o entendeu mal», manifesta o mandatario celeste.