Do medo que dan dous temas non menores

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

O autor reflexiona sobre vacinas, publicidade e pandemia

03 ene 2021 . Actualizado a las 15:23 h.

Divido esta columna en dúas partes que se cadra non teñen que ver, ou si. Empezarei a primeira contando que, neste decembro pasado, nas clases do Máster da Avogacía da Universidade de Vigo tocoume explicar a diferenza entre recursos devolutivos e non devolutivos. Tranquilo, lector: non vén ao caso, nin é lugar para aclarar esa disparidade -porque ata podo preguntala no exame- pero esa expresión, fosilizada, facía referencia a un sistema xurídico no que a facultade de xulgar estaba residenciada nun señor, normalmente El-Rei, que a delegaba nalgunha persoa ou órgano; así que cando se presentaba un recurso contra decisións do delegado, como se lle devolvía a xurisdición ao seu dono, o recurso era devolutivo. Esa restitución reflectía un ordenamento no que todas as potestades eran detidas polo monarca que as exercía como propias. Era poder patrimonializado. Os sistemas políticos evolucionaron e vivimos nun réxime que non permite patrimonializar o poder nin os seus instrumentos, non se pode exercelo e empregalos como se se fose amo das institucións e dos bens públicos. Sen embargo, nestes días tan revoltos, tan difíciles, tan dolorosos, apareceron imaxes con lotes das benvidas vacinas contra o coronavirus con adhesivos de gobernos centrais e autonómicos que ata agachaban a marca delas. Resulta que, despois de tanto sufrimento persoal -residencias, enfermos, comerciantes, sanitarios-, de tantas idas e vidas no exercicio do poder, recibimos esas inmunizacións contaminadas por publicidade de gobernos central e autonómicos. Ese adhesivo, colocado para que se vexa, só pode entenderse como propaganda de quen actúa como dono e señor dos recursos públicos e busca agradecemento. É repugnante que se acometese ese gasto publicitario. Quizá estamos en tempos nos que a cultura política está tan baixo mínimos que se permite sen rubor acudir a eses xeitos de réximes políticos pasados.

A segunda parte desta columna vai polo BOE. Na portada da súa web aparece o Código Electrónico Covid. Nel recóllense as disposicións publicadas desde marzo do 2020 ata hoxe en relación coa peste do coronavirus. Se analizamos a orixe desas normas podemos ollar que novas leis, en sentido formal, derivadas do poder lexislativo, non hai. Son regulamentos ditados de urxencia polos Executivos deixando de lado a Congreso, Senado e Parlamentos e, polo tanto, son cortopracistas, sen deseñaren futuro, e sectorizadas. Nin máis, nin menos que 226 páxinas de medidas tributarias, 273 páxinas relativas a traballadores autónomos, 697 páxinas referidas a colectivos vulnerables, 306 páxinas para aluguer de vivenda e de locais comerciais; 2.349 páxinas recompilando dereito estatal e europeo e 333 páxinas de títulos de preceptos autonómicos -139 normas do goberno da Xunta!-. É perigoso, porque prescindir das Cámaras lexislativas é característica dun sistema de goberno autoritario, tiránico. Así que revestir as vacinas de propaganda e ditar esa plétora, diarrea, de normas gobernamentais seguramente é, outra vez, patrimonialización do poder. Aínda estando nesta situación de medo xeralizado conviña pararse nestas cousas.