Da corrupción e da corrupcionciña

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Marcos Míguez

Di a ONU que é «un complexo fenómeno social, político e económico, que afecta a todos os países

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días celébrase en Corea do Sur a Conferencia Internacional Anticorrupción, co lema Deseñar o 2030: verdade, confianza e transparencia, e o vindeiro mércores será o Día Internacional contra a Corrupción instaurado pola Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción. Todos coñecemos este fenómeno e, aínda entendendo tal concepto, non está de máis lembrar que deriva do latino ruptio e transmite o significado de desfacer ou romper, como cando dicimos que se corrompe un cadáver. Ese é o efecto que provoca na sociedade. Resulta tamén gráfico pensar nos sinónimos: depravación, descomposición, putrefacción, podremia, peste, envilecemento, deshonestidade. 

Di a ONU que é «un complexo fenómeno social, político e económico, que afecta a todos os países. Por exemplo, socava as institucións democráticas ao deturpar os procesos electorais, perverte o imperio da lei e crea atrancos burocráticos, coa única razón de ser de solicitar subornos. Tamén atrofia os alicerces do desenvolvemento económico, xa que desalenta a inversión estranxeira directa e ás pequenas empresas nacionais resúltalles a miúdo imposible superar os «gastos iniciais» requiridos pola corrupción». Esta gangrena é inseparable de tódolos males que afectan á humanidade, da pobreza, das guerras e ata das enfermidades. A ONU constata datos impresionantes: nos países en desenvolvemento pérdese cada ano en corruptelas unha cantidade de diñeiro dez veces superior á destinada á súa asistencia, no mundo páganse máis dun billón de euros en subornos e, ademais, róubanse -emprega este verbo- case tres billóns de euros: o 5 % do produto interior bruto mundial! O secretario xeral da ONU é categórico: «A corrupción é criminal e inmoral e representa a máxima traizón á confianza pública. É aínda máis prexudicial en tempos de crise, como a da pandemia polo COVID-19».

Unha das características da corrupción é que canto menos desenvolvemento social, democrático e educativo exista, máis se incrusta; aínda que ningún país está inmunizado contra ela. España é un caso especial por vir dunha ditadura na que untar era o ordinario, podéndose distinguir entre, chamémoslle así, as culturas do maletín, gran corrupción, e as do sobre, corrupcionciña. A grande é a que se deriva do narcotráfico, do branqueo de capitais, das comisións, das autoridades que se apropian do poder para enriquecerse, dos políticos logreiros, da falta de transparencia. A corrupcionciña aínda queda entalada na conciencia da sociedade como cando as autoridades políticas substitúen aos funcionarios con aquelo de «arránxocho eu» ou «ti vai facendo», ou asígnanse salarios impensables na súa vida privada, ata sabéndose incompetentes para o cargo; ou cando se atura o enchufismo; ou cando se vai ao súper en horario laboral, ou non se paga o IVE.

A verdade é que en España, a golpes, tense avanzado na loita contra esta lacra, particularmente coa repugnante de luva branca. Hai que seguir, porque a corrupción é monstro de mil tentáculos e non deixará de insidiar. Sexamos consecuentes contra corruptos e corruptiños: son o peor do peor; non os votemos, botémolos.