A Xunta anuncia un acordo para o mantemento de Emerxencias do Grove

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Vicepresidencia destinará a este cometido 42.000 euros

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello do Grove e a Deputación de Pontevedra levan semanas facendo público o seu malestar coa Xunta de Galicia pola exclusión do municipio meco da actualización do reparto de Grupos de Emerxencias Supramunicipais por parte da administración autonómica. Unha exclusión que as administracións local e provincial non entenden máxime, salientan, dada a singularidade xeográfica do Grove, que fai que a chegada de medios externos de apoio ante calquera suceso que precise da intervención por un equipo especializado na súa resolución ou cobertura supoña un risco demasiado elevado en función da súa entidade. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo anunciou que onte asinaba xunto co Concello e coa Deputación un convenio de colaboración específico para garantir o mantemento do Grupo Municipal de Emerxencias do Grove. A Xunta destinará a tal fin arredor de 42.000 euros, aproximadamente a terceira parte do custo total do gasto de persoal nos seus 13 efectivos, sinalan desde San Caetano.

Á espera de coñecer as reaccións de cadanseu responsables, polo manifestado con anterioridade semella difícil que Concello e Deputación dean por boa a resposta do goberno galego, ao que o alcalde meco, José Cacabelos, acusaba de «desatender as necesidades do Grove» por ter que protexerse cun GME e non cun GES.