De que todo tempo pasado foi mellor?

AROUSA

CEDIDA

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O poema de Jorge Manrique, Coplas á morte de seu pai (século XV) é un clásico que pasou ao acervo popular: Recuerde el alma dormida / avive el seso y despierte / contemplando / cómo se pasa la vida / cómo se viene la muerte / tan callando / cuán presto se va el placer / cómo después de acordado / da dolor / cómo a nuestro parecer / cualquiera tiempo pasado / fue mejor. E este último verso utilízase nas conversas comúns como argumento de nostálxicos en diversos ámbitos da vida, ata tal punto que hai un movemento, o declinismo, que se define como «a crenza de que algo, sobre todo un país, sistema político ou económico, está a experimentar un decaemento significativo e posiblemente irreversible». E cadaquén, particularmente ao ir cumprindo anos, cae na tentación de sentirse un algo declinista, morriñento, botando de menos a seguridade e a forza da xuventude ou a acolledora protección da infancia. Este declinismo é unha actitude psicoloxicamente nefasta e un sentimento falso; incluso agora estando inmersos nunha peste.

Para esta semana que entra, a ONU acordou a celebración -se sorrí non pasa nada- do Día Mundial do Retrete. Que terá que ver coa nostalxia? Pois ten que ver: En Galicia, en calquera museo conservarán preciosas sellas, ou baldes; ata se ven nalgunhas esculturas. Sonche realmente fermosas: encontraremos algunha decorando fogares ou en calquera tenda dun anticuario. Na nosa señardade colectiva permanecen imaxes de mulleres levándoas na cabeza en milagroso equilibrio. Sen embargo, esa visión idílica testemuña unha tristísima realidade: ata os anos setenta, particularmente nas aldeas, estiveron en uso eses baldes só por non haber auga corrente nas casas e ter que acudir a pozos e a fontes con sellas e caldeiros para dispor de auga. Tamén existían penicos ou ouriñais, gardados debaixo da cama; nas casas ricas ata decorados. Uns usos que desapareceron e, con eles, marcharon palabras da linguaxe común como cañeira, zudre, xurro, ludro ou latrina. Non hai tanto desa situación, hoxe esquecida e impensable, aínda que teñamos que insistir en que a falta de saneamento das redes públicas vertendo ao mar segue a ser unha vergoña. 

Unha cuestión de dignidade

Pero esta nosa realidade actual non é así no mundo enteiro, porque máis da metade da poboación da Terra, uns 4.200 millóns de persoas, non dispón de auga corrente nin de retretes. Como nas nosas aldeas, hai tan poucos anos. Que a nós nos pareza normal que unha billa bote auga non é o ordinario para medio mundo. A ONU recórdanos nese día que uns 673 millóns de persoas defecan ao aire libre por non teren acceso a un inodoro e fai un chamamento para finalizar esa práctica, extremadamente perigosa para a saúde pública; non esquece que dispor dun retrete ata é unha cuestión de dignidade e de seguridade; e neste 2020, describe tamén a súa relación co cambio climático. Non é unha broma o Día Mundial do Retrete, porque non dispor del non foi aquí chiste ningún. Ernesto Sábato, en El Túnel (1948), escribiu: «A frase todo tempo pasado foi mellor non indica que antes sucedesen menos cousas malas, senón que -felizmente- a xente esqueceunas». Canta razón!.