Miguelanxo Prado e Juan Carlos Fresnadillo, premios dun Curtas que fai público todo o seu programa

O festival activa a súa aplicación, desde a que poden reservarse xa as entradas para as súas actividades. Entre elas, unha peza teatral sobre El Ministerio del Tiempo, un roteiro arrepiante ou o concerto de Broken Peach tras a cerimonia de clausura do día 31


vilagarcía / la voz

A organización do Curtas Festival do Imaxinario desvelou onte o groso do programa que desde o venres da vindeira semana e durante dez días converterá a Vilagarcía na capital galega da ciencia ficción, da banda deseñada e do terror. Fíxoo ao tempo que descubría o nome de dous dos persoeiros que recibirán a máis alta distinción nominal do certame, o Premio Curtas. Trátase de Miguelanxo Prado, un dos grandes autores galegos e de maior proxección internacional na banda deseñada, ademais do promotor e director do salón do cómic herculino Viñetas desde o Atlántico. E Juan Carlos Fresnadillo, guionista e un dos primeiros directores de cine españois en facerse un oco na grande industria mundial do terror, coa película 28 semanas despois encabezando unha filmografía que arrinca en 1996 coa curtametraxe Esposados, candidata aos premios Oscar. 

Os galardóns a Miguelanxo Prado e a Juan Carlos Fresnadillo súmanse aos recoñecementos honoríficos que o Curtas lles fará a Ángel Sala, director nos últimos 20 anos do Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, e a Javier Olivares, creador entre outros da serie de culto El Ministerio del Tiempo. Todos eles asistirán ao Curtas ao longo dos seus dez días, abríndose a un diálogo co público en diferentes espazos do Auditorio de Vilagarcía, co aforo limitado pola situación sanitaria. 

A aplicación do certame, activa

Ademais do pase das decenas de obras audiovisuais que se proxectarán no Salón García, tanto as correspondentes ás sección oficiais como as de exhibición e de homenaxe, como a da saga Alien, o Curtas ofrecerá obradoiros de stop motion, de cabazas de samaín e de banda deseñada, presentación de libros e de cómics da man dos seus autores; ou unha peza teatral a cargo do grupo local Clámide sobre o «Ministerio del Tiempo», co texto ambientado nun episodio da historia de Vilagarcía sobre o escenario da Praza da Peixeiría. Todo aparece recollido na aplicación do Curtas, dispoñible desde onte en Google Play, desde a que se pode reservar a entrada -unha por persoa- para toda as actividades. 

Terrorífica xornada de clausura, cun roteiro arrepiante e concerto de Broken Peach

Fiel aos seus hábitos, a organización do Curtas fará do segundo e último sábado do certame a súa xornada central, co Auditorio de Vilagarcía como punto neurálxico. O día 31 arrincará coa gravación do podcast en vivo «Elena en el País de los Horrores», ás 11.30. Á tarde, pola sala de conferencias do Auditorio desfilarán sucesivamente Pasqual Ferry, Salvador Larroca e Miguelanxo Prado, tres referentes españois do mundo do cómic, para falar e para debater cos afeccionados mentres nas rúas da capital arousá o Curtas ofrece un «Roteiro por unha Vilagarcía Arrepiante». E desde as 21.30, o acto de clausura, coa entrega dos premios do festival e aos gañadores aos mellores disfraces de terror entre os asistentes ao acto, que rematará cun concerto da banda galega de rock & soul Broken Peach.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Miguelanxo Prado e Juan Carlos Fresnadillo, premios dun Curtas que fai público todo o seu programa