Fredi Bea: «O deporte é como Alcoa, non pode parar»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

Critica as boas palabras sen feitos das administracións que manteñen paralizada a actividade deportiva

11 oct 2020 . Actualizado a las 12:28 h.

En Caldas Fredi Bea (O Grove, 14/X/1969) descubríu de chaval «a diferenza entre nadar en auga doce e salgada». No Descenso do Umia estreábase en competición sen moito éxito -retirouse a medio percorrido- recén chegado a un deporte, o piragüismo, que acabaría marcando as marxes do camiño de vida de quen leva unha década presidindo a súa federación galega. Entre aquel adolescente e o home a piques de cumprir os 51 que hoxe é media unha longa carreira de fondo, guiada pola tenacidade dun personaxe sen pelos na lingua nin medo a defender o que cre. Un perfil cicelado por unha traxectoria deportiva pragada de medallas opacadas pola ausencia dese gran podio baixo a bandeira dos aros.

Levaba un ano no Breogán do Grove e os técnicos dixéronlle: «¡Fredi, ti para a canoa! ¡Era ghiadiño daquela! (14 anos)» di con sorna. «Agora son máis rabudo», como ben sabe canto rival atopa nos retos que foi encadeando tras colgar a pa; pechando unha vitrina na que sobresaen catro diplomas olímpicos, sétimo no C2 500 e oitavo no C2 1.000 en Atlanta 96 co asturiano Oleg Shelestenko, e cuarto no C2 500 en Sídney 2000 e sétimo no C2 1.000 en Atenas 2004 co seu veciño David Mascato; participando tamén nos Xogos de Barcelona 92 (C1 1.000).

No treito final da súa carreira deportiva a Fredi Bea non lle tremeu o pulso á hora de enfrontarse con Suso Morlán cando a Federación Española puxo o C2 baixo a súa dirección mentres esculpía os anos de gloria de David Cal. Nin lle arredou a responsabilidade de asumir o papel de candidato opositor á presidencia da Federación Galega de Piragüismo (Fegapi). No 2006, animado por un grupo de clubs descontentos cunha liña de traballo con décadas de inercia. «Non foi por vontade propia. Daquela inda era deportista e presidente do Breogán. Dixéronme, ‘Tes que ser ti, Fredi, es o que máis currículo ten e a quen máis coñece a xente'», lembra. Ese ano perdeu. Pero persistíu, e tres despois fíxose co posto derrotando a Santi Sanmamed, que viña de ser presidente da Federación Española.

A linguaxe dos números

Contra corrente leva desde entón padexando Bea: «Acordaráme toda a vida o primeiro día na presidencia. Porque era Defuntos. E porque, sendo festivo, tiven xa varias chamadas de xente reclamando débedas». O ex olímpico atopou un furado de 850.000 euros, que a xestión do seu equipo foi reducindo ata os arredor de 250.000 nos que se sitúa hoxe a débeda da federación tras encadear nove exercicios de superávit.

En paralelo, e cunha longa guerra aberta coa Federación Española con múltiples frontes, Bea buscou ensanchar a base do piragüismo en Galicia. E a cousa non parece ir por mal camiño: «Cando entramos non se chegaba ás 2.000 licenzas e este ano pecharemos con máis de 4.200». En contraposición, recorda que «cando chegamos, Lete -o inda secretario xeral para o Deporte da Xunta- recoñeceu que había un défice de infraestruturas de piragüismo en Galicia». Unha década despois, «quitando en Betanzos e Pontedeume, non se fixo nada. Hai unha débeda evidente. Vigo, A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía non teñen un metro cadrado de instalacións públicas náuticas» pese a que «das 19 medallas olímpicas galegas, 10 son de piragüistas».

O piragüismo galego foi dos primeiros deportes en recuperar a actividade plena en medio da pandemia, adaptándose xa a comezos do verán á nova normalidade cun protocolo pioneiro elaborado pola Fegapi. Con todo, «acabaremos o ano cuns 30 eventos celebrados, cando o ano pasado superamos os 100». Unha circunstancia que Fredi Bea achaca ao feito de que «moitos concellos renunciaron a permitir a nosa actividade inda que teñamos un protocolo anti covid-19».

«Non pode ser que non poidamos facer regatas porque un concelleiro teña medo», denuncia o mandatario federativo, que continúa disparando con calibre groso: «Por desgraza neste país as solucións políticas chegan mal, tarde e arrastro. Estou farto de discursos, quero realidades. Porque de discursos non se vive, nin se come».

Neste punto, Bea lembra que «o deporte, en xeral, xera riqueza. É un sistema que permite saber onde están os rapaces, que reforza o seu sistema inmunolóxico. E que xera riqueza económica, mobiliza unha cantidade inxente de diñeiro» en todas as súas capas, moito máis aló das galácticas. A súa parálise xeralizada máis aló das principais ligas, principalmente no deporte base, está causando «un impacto brutal», advirte o presidente da Fegapi, que tira dun símil ben elocuente para calquera galego: «Isto é como Alcoa. Se permiten que arrefríen as cubas non se van poder arrincar de novo. Se seguimos coas boas palabras dos políticos e non hai solucións xa, no 2021 no deporte vai quedar o Tato».

Técnico no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en 1996, tras os Xogos Olímpicos de Atlanta.

A Sídney en 1999, un ano antes da súa participación nos Xogos Olímpicos na cidade australiana, por descubrir «o avanzado da súa sociedade», di.