A Baixada do Umia, confirmada o sábado día 17

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Náutico O Muíño conta con repetir a alta participación do ano pasado

07 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro meses máis tarde, pero faráse. O Náutico O Muíño, club organizador, confirmaba onte a través das redes sociais que si, finalmente a vixésimo sexta edición da Baixada Internacional do Umia vaise celebrar este ano, e non no 2021. Suspendida o pasado mes de xuño a causa do confinamento, coincidindo a data inicialmente prevista para a proba co último treito do proceso de desescalada cara a nova normalidade, a cita disputaráse o sábado da vindeira semana, día 17, a partir das catro e media da tarde.

Este era o día barallado xa a finais de xuño polos responsables da Baixada Internacional do Umia cando a Federación Galega de Piragüismo anunciaba o seu novo calendario de regatas tras ser unha das primeiras federacións en Galicia en conseguir devolver os seus deportistas aos adestramentos, cun pioneiro protocolo específico de protección hixiénico-sanitaria máis aló da normativa xenérica fixada polas autoridades deportivas e sanitarias tanto do goberno central como do autonómico.

Categoría internacional

Foi o magnífico funcionamento deste protocolo e a súa implementación en probas oficiais, con niveis de participación que en máis dunha cita superou o medio milleiro de padexeiros, unha das principais razóns que convenceron a directiva do Muíño para acabar de darlle adiante a 26ª. Baixada do Umia, explica o director técnico do club. A condición de regata internacional outorgada este ano pola Federación Internacional de Piragüismo e o apoio do Concello de Ribadumia completan, sinalaba onte José Manuel Vázquez, os pesos que acabaron por desnivelar a balanza do lado do adiante a unha regata que multiplica a crebadura de cabeza dos seus promotores en plena segunda vagada de covid-19, máis aínda con medio Salnés afectado por restricións específicas polo preocupante aumento dos contaxios polo coronavirus.

De feito, e prevendo unha participación semellante á do 2019, cando foron uns 450 os padexeiros inscritos, a gran dúbida manexada a día de onte no Náutico O Muíño é se manter a tradicional saída única ou ben fixar dous puntos de partida para a Baixada, un desde a sede do club, en Cabanelas, e outro en Barrantes. O que si está claro é que se volverá contar con embarcacións individuais e dobres mantendo o novo trazado adoptado o ano pasado, que substituíu o descenso desde a praia de Portas por un modelo de travesía de baixada de Barrantes a Castrelo e subida á meta en Cabanelas, pasando dos 14 aos 10 quilómetros. O prazo de inscrición na Baixada Internacional do Umia permanecerá aberto ata este domingo, ás 23.59 horas.