Do Día da Sobrecapacidade da Terra

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

No último número da revista Jueces para la democracia vén un artigo de Santiago Álvarez Cantalapiedra, co título Consecuencias humanas da crise ecosocial, que ofrece datos aterradores sobre a situación bioclimática do planeta en relación coa raza humana. Como alí conta, se facemos a ficción de comprimirmos a historia do Universo nun ano, a destrutora especie sapiens sería unha recén chegada porque ocuparía só os últimos cinco minutos e se temos en conta que o proceso acelerado de devastación ecolóxica da Terra armouno a raza humana no último século, estariamos a falar de setenta e cinco millonésimas de segundo dese ano ficticio. Porque a poboación humana triplicouse e o PIB mundial multiplicouse por sete entre 1950 e 2010 por mor do incremento sen precedentes do uso de auga doce, o consumo de enerxía e a extracción de recursos da cortiza terrestre.

Ao inicio deste período o ser humano precisaba ó redor do 60 % da Terra e chegados os pasados anos oitenta xa requiría a totalidade do planeta. Como nos di o autor citado «pasouse dun mundo baleiro a un mundo cheo». A situación xerada explícase doadamente utilizando o concepto de capacidade anual de rexeneración dos recursos na Terra. Non fan falta grandes coñecementos para asimilar que se se consume máis do que o planeta azul vai rexenerando, cometemos unha grave irresponsabilidade. E, se o crecemento da poboación e o consumo seguen aumentando, chegará un momento, sen necesidade de máis explicacións, no que se acabarán os recursos para a vida. Poñamos un exemplo: imaxinemos que só existen un bosque e unha aldea que precisa madeira seca para quentarse cada inverno. Resulta obvio que os aldeáns regularían o gasto dese combustible de xeito que mantivesen a posibilidade de seguir a extraer leña seca, conservando o bosque para que puidese rexenerarse e non morrer de frío nas vindeiras invernías. Pois ese criterio hai que aplicalo desde un punto de vista global: o ser humano non pode consumir durante un ano máis do que a Terra sexa capaz de rexenerar nese tempo. Non está a ser así: a humanidade anda cega e non atende a razóns elementais, simples, de conservación da vida propia.

Hai un organismo, o Global Footprint Network, que calcula, ano a ano, en que data esgotamos os recursos que poden rexenerarse nese período. En 2016, o overshoot day, en cómputo global, foi o 8 de agosto; no 2018 ocorreu o 1 de agosto e no 2019 a data adiantouse ao 29 de xullo. Neste ano - este foi un dos efectos da paralización provocada pola pandemia- o consumo total atrasouse ao 22 de agosto, como media mundial. Pero en España xa fora o 27 de maio. É dicir: nos meses que restan para rematar o 2020, a poboación humana da Terra consumirá bens que non se van renovar e, como consecuencia, hipotecará o futuro das vindeiras xeracións.

Explícao a citada Global Footprint Network, indicando que, actualmente, gastamos a nivel mundial cada ano os recursos rexenerables de máis de planeta e medio. Pero, por exemplo, Qatar precisaría case nove planetas e España, dous e medio. Abramos os ollos, non se pode seguir así.