Da Constitución da Terra

A proposta está a ter un grande eco e pode ser o camiño que haxa que andar de todas todas


En febreiro pasado Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940) propuxo dotar ao noso planeta dunha «Constitución da Terra». Entende que o suxeito constituínte é a Humanidade, porque é urxente dispor de medidas globais eficaces para garantir a supervivencia, en grave risco pola actividade humana. Non trata de suprimir os Estados senón que exista un goberno mundial para asegurar os dereitos humanos, cun dominio público planetario para a tutela de bens comúns como auga, aire, glaciares ou grandes forestas; a prohibición das armas convencionais que causan cada ano miles de homicidios e das nucleares; a forza militar en mans da ONU e cun fisco global para financiar a educación, a saúde e a alimentación de cada ser humano. A proposta está a ter un grande eco e pode ser o camiño que haxa que andar de todas todas. A evolución da Humanidade sobre a Terra tivo un fito na Revolución Industrial porque ata ela o home só utilizaba recursos bióticos como madeira, fibras vexetais ou animais de xeito que a vida humana estaba en sintonía coa renovación permanente a través da fotosíntese, aínda que empregaba algúns recursos minerais como barro, area, pedra e algúns metais. Era sostible. A Revolución Industrial abriu un ciclo, capitalista, dependente dos combustibles fósiles -carbón, petróleo e gas- ata chegar aos nosos tempos nos que a excesiva enerxía consumida baséase neles nun 85% e nun 5% máis na fisión do uranio: fontes de enerxía finitas e non renovables que coa súa combustión provocan un cambio climático evidente. Paralelamente, produciuse unha extraordinaria evolución do sistema alimentario pasando dunha agricultura tradicional que compensaba con esterco ou abonos en verde as perdas de nutrientes do solo ata que se descubriu que para restituír a terra cultivada podíase engadir fósforo, nitróxeno, calcio, potasio extraídos de rocas minerais trituradas, finitas tamén. Á maior ocupación de solo engadíronse biocidas contra pragas, melloras xenéticas das plantas, emprego de maquinaria e incremento de regadíos. Todo enfocado a obter maior produción para satisfacer a unha poboación en constante aumento e que, agora, terá que enfrontarse á pronta diminución dos recursos, o que pode dar lugar a procesos que van ir da supervivencia de poboacións austeras ata á guerra de todos contra todos para dispor dos escasos bens. As fontes renovables de enerxía non serán a solución porque os estudos din que non existen materiais bastantes para construír as infraestruturas precisas para a produción suficiente de enerxía fotovoltaica, eólica ou mariña. Neste sentido unha das leccións da actual pandemia do Covid 19 é que a seguridade de cada un e o futuro da vida na Terra, dependen das condutas dos demais porque vivimos nun so mundo. Entramos pois nunha nova era: A das consecuencias dos abusos previos porque ata agora identificouse produción económica con degradación ecolóxica. Por iso, para salvagardar e distribuír equitativamente os recursos comúns deste planeta, faise precisa esa «Constitución da Terra».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Da Constitución da Terra