A morte que podería ter sido

Xoaquín Rubido

AROUSA

17 ago 2020 . Actualizado a las 11:05 h.

Fagamos memoria. Pensemos nos grandes accidentes marítimos que teñen acontecido en Galicia. Ano 1976: o petroleiro Urquiola explota na entrada do porto da Coruña. Ano 1992, o Mar Exeo embarrancaba ao pé da Torre de Hércules. En ámbolos dous casos, os sinistros teñen unha relación directa coa actividade da refinería da Coruña. Ben nos valen eses dous exemplos para poder afirmar que a instalación desa planta na ría de Arousa tería sido, sen dúbida, a morte do noso mar. O seu fin. Afortunadamente non foi así. A loita pola defensa do seu forma parte do cerne da xente da ría. Xa daquela quedou demostrado -e volveríase demostrar moitas veces dende entón-.

Accidentes marítimos coma os citados terían provocado unha morte violenta e negra, pero aínda que eses sucesos non se chegaran a producir, a actividade ordinaria da refinería tería provocado o mesmo efecto. Este tipo de instalacións xeran unha contaminación moi importante, que neste caso se vería agravada pola súa ubicación, na parte interior da ría. A taxa de renovación das augas, os ritmos naturais deste mar interior, provocarían que os elementos contaminantes botasen máis tempo do habitual, deixando un pouso de morte ao noso redor. O problema de calado que tamén existe nesta ría -os ríos aportan area e tenden a acolmatarse- contribuiría a agravar os perigos daquela instalación.

Afortunadamente, a actividade petroleira foi felizmente desbotada nos anos sesenta. Iso salvou a unha ría mimada pola natureza, que a fixo así: quince ríos que a alimentan, grandes areais, e afloramentos que a fan un lugar singular tanto dende o punto de vista produtivo como dende o punto de vista ambiental. Arousa é unha ría rica en recursos para explotar, e tamén rica en biodiversidade, sendo a que maior número de espazos e de superficie protexida ten de toda Galicia. Todo iso estaría en perigo como consecuencia da actividade petroleira no interior da ría. Todo isto segue estando periodicamente en xogo porque, dende aquel intento de instalar una refinería nas nosas costas, as ameazas para o noso entorno téñense sucedido. Non queda máis remedio que manterse alerta.