O ocaso da feira dos 300.000 visitantes

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

VITOR MEJUTO

En 1995 Fexdega incumpría por vez primeira a cita anual da que fora líder do sector en Galicia

04 ago 2020 . Actualizado a las 12:23 h.

«Prácticamente la totalidad coincidió en afirmar de Fexdega que es la feria de Galicia». Con esta frase resumía no verán de 1987 Gumersindo Rodríguez Eirea o sentir xeralizado dos expositores que participaran na XXI Feria de Exposiciones de Galicia, Fexdega, que volvía presidir tras dous anos á marxe da súa xestión. Unha apreciación lóxica repasando os números que acompañaron a edición de 1987: arredor de 600 expositores e máis de 2.000 firmas ocupando preto de 90.000 metros cadrados con mercadoría exposta por valor de 2.700 millóns de pesetas -16,2 millóns de euros sen contar o efecto da inflación no prezo do diñeiro-. Un escaparate centrado nas últimas novidades referidas á maquinaria agrícola e gandeira, da industria de consumo e da automoción que espertou naquel ano o interese de máis de 300.000 visitantes ao longo dos dez días de apertura no terreo portuario que daquela ocupaba Fexdega. Só 8 anos despois, a primeira incomparecencia coa súa cita anual co verán vilagarcián escribía o prólogo do lento ocaso do que foi nos seus inicios o máximo referente do sector das feiras de exposición industriais e sectoriais de Galicia. Un epílogo na primeira década do presente século acabaría descubríndose unicamente como a falsa melloría do enfermo terminal no que se convertera Fexdega a mediados do anos 90.

Corría 1967 cando Gumersindo Rodríguez Eirea convenceu a un grupo de empresarios para a montaxe dunha feira de maquinaria agrícola e material de construción en Vilagarcía. A iniciativa non parou de medrar, e en pouco tempo tan só a Feria de Muestras de Ferrol era quen de competir co seu potencial de xeración de negocio. Ata que o que ía cara arriba foi cara abaixo, e entrou en barrena.

O 2 de agosto de 1995 o padroado que rexía a xestión de Fexdega acordaba, tras unha longa xuntanza de máis de tres horas, a cancelación da súa XXIX edición. Tres foron os motivos aducidos polos seus integrantes para tomar tan drástica decisión. O primeiro, a recente intervención da Cámara de Comercio de Vilagarcía por parte da Xunta de Galicia, na que fora a estocada final á era de Pablo Vioque na vida social e política de Arousa. A débeda de 50 millóns de pesetas (300.506,1 euros) arrastrada polo propio consorcio de Fexdega presentouse como o segundo atranco insalvable. O terceiro, a falta de tempo para organizar un evento desta dimensión, que en condicións normais xa se tería celebrado a comezos do verán.

O certo é que a verdadeira cuestión de fondo aparecía recollida nas declaracións nas que o representante do Partido Popular no padroado, Manuel Freijeiro, enumeraba o argumentario anterior: «Para que resultase un fracaso como en los últimos cuatro años era mejor no hacerla».

Detrás da morte por entregas de Fexdega atopábase a lea entre o padroado de Fexdega, integrado por representantes da Cámara de Comercio e do Concello de Vilagarcía, e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, sobre cuxos terreos se celebrou a feira en precario durante tres décadas, no espazo hoxe ocupado polo Parque Miguel Hernández e a zona de ocio Tir. A falta dunhas instalacións modernas e adaptadas ás necesidades dos sectores ligados a Fexdega, e da profesionalización sen máis marxe de demora da súa xestión, con demasiados intereses cruzados na pelexa polo control do xoguete, acabou por levar a feira vilagarciá a alternar durante unha década, a dos 90, anos en branco con outros nos que mellor tivera sido non facela; cun brutal impacto negativo a nivel de marca pola súa paupérrima organización.

Os anos de retraso das administracións públicas en dotar a Fexdega do seu propio recinto foron un tempo perdido que acabaría demostrándose irrecuperable. O 19 de xullo de 2001, tres anos despois da última e desastrosa edición da feira vilagarciá na súa ubicación orixinal, inaugurábase no lugar da Maroma un pavillón diáfano de 8.000 metros cadrados, co nese momento presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga á cabeza. Froito dun investimento de 7,8 millóns de euros entre a administración autonómica e local, a instalación veu acompañada da contratación dun xerente, con Pedro Corbacho chegando a ser quen de programar 18 salóns nun mesmo ano, catro deles internacionais. Un espellismo. A crise varreu o castelo de naipes dunha Fexdega baleirada do seu vangardista espírito fundacional. No 2010 o recinto da Maroma albergaba xa tan só media ducia de eventos con 42 días de ocupación. E un ano despois acabouse de disipar o espellismo, coa marcha do último xerente, o despido dos catro traballadores cos que contaba daquela o padroado da feira, e a decisión do goberno local do popular Tomás Fole de priorizar o uso deportivo do recinto feiral.