A actuación licitouse por un prezo de saída de 73.321 euros
29 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía avaliou as seis ofertas presentadas ao concurso convocado para adxudicar a obra de construción dunha senda peonil dende o centro cultural da Torre ata o campo de fútbol de Berdón. A actuación licitouse por un prezo de saída de 73.321 euros, e ten como obxectivo mellorar as condicións de seguridade para os peóns que transitan por unha vía que actualmente carece de beirarrúas ou arcéns, e que ten un tráfico intenso debido á actividade que acollen a instalacións deportivas de Berdón.
Segundo explica o Concello de Vilagarcía, «unha vez adxudicada a obra e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de dous meses para executar os traballos».
Consistirán estes na construción dun itinerario peonil que «discorrera en paralelo á vía, terá unha lonxitude de 350 metros e estará formado por madeira tratada especialmente para resistir en ambientes exteriores, tanto á humidade como a ataques de insectos e de fungos». A pasarela, sigue explicando o Concello de Vilagarcía, «contará na súa parte exterior cunha varanda de madeira das mesmas características para protexer aos peóns de caídas e para separalos da zona de tráfico rodado».
Este paseo de madeira «instalarase na franxa de monte, polo que o ancho actual da vía non se verá reducido».
Para o financiamento desta actuación, conta o Concello de Vilagarcía cunha achega dos fondos europeos Leader correspondentes ao Plan de Desenvolvemento Rural xestionada a través do GDR. O proxecto, polo demais, conta co visto bo da Comunidade de Montes de Guillán, que colaborará no mesmo.
Unha actuación necesaria
Argumentan dende o Concello de Vilagarcía que esta é unha obra precisa. «A necesidade de habilitar unha pasarela de uso exclusivo para os peóns ven dada pola cantidade de persoas que transitan esta zona para asistir aos adestramentos, partidos e outros eventos deportivos que acolle o campo de fútbol de Berdón», razoan dende Ravella.
Recalcan, ademais, que «a maioría destas actividades están protagonizadas por nenos e nenas en idade escolar que, debido ao intenso tráfico rodado que se rexistra na zona neses momentos e ás características do camiño, sen beirarrúas e dun ancho limitado, vense bastante expostos e desprotexidos ante os vehículos». Tras a avaliación das ofertas presentadas, e despois de que se cumprimenten todos os trámites que require este procedemento administrativo, a empresa que finalmente sexa seleccionada disporá de dous meses para facer a obra.