Da desfeita do patrimonio no Grove

AROUSA

MONICA IRAGO

Debe ser o lugar do mundo no que peor se conserva a propia historia

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O patrimonio cultural galego no Grove está na situación máis desastrosa imaxinable. Debe ser o lugar do mundo no que peor se conserva a propia historia. De récord. A pesar da riqueza de bens, uns catalogados e outros non, o abandono e o desprezo son clamorosos. Fagamos un lixeiro repaso: O máis sobranceiro é Adro Vello-Os Castriños, que reflicte a importancia estratéxica que tivo ao largo da Historia este emprazamento e no que ata se descubriron laudas a deuses prerromanos. O estado actual, incluídas as edificacións da salga, patrimonio etnolóxico por lei, é penosísimo. A Torre de Escuredo boquea a carón de aberracións urbanísticas e, coa conivencia de todos, espera pola petición de declaración de ruína para que se venda o solar. É o único Ben de Interés Cultural declarado como tal no Grove: De que vale?. Porque aí esmorece, caendo a cachos sen que ninguén dea chío. Unha tristura inmensa. A situación dos xacementos arqueolóxicos é deplorable. O castro de Cantodorxo, irmán do dos Xidoiros, do que hai ánforas no Museo de Pontevedra e permitiu coñecer a alimentación dos devanceiros a través do estudo do seu concheiro, está comesto pola maleza e invadida a necrópole. Outro tanto ocorre coa Mouta de Nartallo (orixe de Balea), inaccesible; e cos xacementos de Veiga Grande (Reboredo), Currelos de Montes (enriba da Lavaxeira), Moreiras, Estonllo ou As Modias. O castro da Siradella (cidadela) dá coraxe porque, aparte de estar nunha paraxe privilexiada, ten na súa aba do Sur a figueira do Meco, -declarada árbore senlleira de Galicia-- que segue a producir figos vermellos como o Padre Sarmiento comprobou no XVIII. Un desleixo insoportable que merece unha sublevación popular - para cando?- como a que se conta na lenda de que alí colgaron ao Meco. Nesa atalaia, desde a que os poboadores controlaban as entradas á illa e ás Rías de Arousa e Pontevedra, están as raíces da identidade colectiva do Grove. A única actuación municipal, bárbara, nese castro da Siradella foi a de trazar unha cómoda escaleira... coas pedras da muralla defensiva. O abandono é absoluto no resto: salgas, cruceiros, fontes, lavadoiros, Batería, os vinte muíños de Cova da Loba e A Serpente. Non se salva nada, como se no Grove xermolara o odio nazi ou talibán contra o pasado.

É necesario ocuparse prioritariamente desta riqueza histórica. A lei de Patrimonio Cultural de Galicia di que a competencia sobre o patrimonio cultural pertence á Comunidade Autónoma coa cooperación e obriga do Concello para a salvagarda, protección, difusión e recuperación e para adoptar as medidas necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados, como ocorre co conxunto do patrimonio no Grove. Nesta emerxencia a incapacidade demostrada ata agora obriga a tomar medidas excepcionais como consensuar un Plan Integral de recuperación do patrimonio cultural entre Ministerio, Xunta, Deputación e Concello. Evidentemente, chove sobre mollado, ninguén fará caso. Ogallá me equivoque e o friqui Guinnes non se interese por este récord.