22 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
Un día destes un garda civil, xa entrado en anos, paroume cando eu circulaba no coche e cun ton agre espetoume que a onde ía. Debeu ser excepción á conduta xeral educada dos axentes. Desagradoume someterme ao basto interrogatorio feito nun ton doutros tempos. Por iso, pareime a analizar as normas que permitían a aquel número querer saber de onde viña e a onde ía. O funcionario cumpría o mandado do real decreto 463/2020 polo que o Goberno decretou o estado de alarma, e que no artigo 7, que algúns xuíces xa aplicaron á lixeira, adopta a medida de limitar a liberdade de circulación, permitindo o Goberno só oito actividades para podermos saír. Ese real decreto fundaméntase no artigo 55 da Constitución, que permite suspender a liberdade de circulación, pero, claramente, só nos estados de excepción e de sitio. Non no estado de alarma. O Goberno chámalle limitar a permitir só esas oito razóns para saír, non di que suspende, pero a pregunta é se se pode limitar dese xeito nun estado de alarma. Pode que non.
O artigo 19 da Constitución recolle como dereito fundamental que «os españois teñen dereito a elixir libremente a súa residencia e a circularen polo territorio nacional». Como a outros dereitos fundamentais, pódeselle pór límites, pero eses non han de deixar irrecoñecible o dereito, como reiterou o Tribunal Constitucional (e recolle Enríquez Malavé en La Ley, 20 de abril de 2020) que ten dito que as limitacións non poden ser absolutas nin obstruír o dereito fundamental e sempre haberá que interpretar esas limitacións dun xeito restritivo e no sentido máis favorable á eficacia do dereito.
Eu non digo que esa limitación acordada polo Goberno non estea xustificada por razóns de saúde e seguridade públicas, pero creo que non se pode limitar deste xeito nun estado de alarma. Nos de excepción e sitio, si, con restricións. Na lei orgánica 4/1981 ao regular o estado de alarma di que só se pode «limitar a circulación ou permanencia de persoas ou vehículos en horas e lugares determinados, ou condicionalas ao cumprimento de certos requisitos». Trátase dunha afirmación abstracta e sen regulación, que só pode establecer o poder lexislativo, non o Goberno, porque se trata dun dereito fundamental. O real decreto 463/2020 non é lei orgánica, pero nel o Goberno reduce a oito actividades un dereito fundamental como o de libre circulación. E non como unha recomendación, senón como un imperativo. Esta redución é, en realidade, unha suspensión da liberdade de circulación porque a esencia dese dereito é «a posibilidade de trasladarnos dun lugar a outro sen inxerencia nin traba algunha, sen estar supeditado a causa ou xustificación (Enríquez Malavé)». A posibilidade de circulación só para as oito razóns establecidas na declaración do estado de Alarma non permite recoñecer a liberdade de circulación como tal.