O Cortegada entra nun ERTE para protexer a continuidade do club

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Capotillo

A directiva da entidade vilagarciá reitera a necesidade de cancelar dunha vez a Liga, postura que comparte un Arxil xa sen contratos no seu cadro de persoal

20 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Custounos facer o ERTE. Custounos moito», pero ao final a directiva da Agrupación Deportiva Cortegada non víu outra saída. Ante a postura da Federación Española de Baloncesto de manter suspendida, que non cancelada, a Liga Feminina 2, os responsables do club vilagarcián optaron por tirar do recurso ao que tantas empresas se están a acoller tentando evitar un mal maior, aberto tamén a entidades deportivas con asalariados no seu cadro de persoal. No caso do Cortegada, sete, entre xogadoras e corpo técnico, sinalaba onte o seu vicepresidente e voceiro, José Gorgoso.

Contestado favorablemente o ERTE por parte das autoridades laborais, a suspensión dos sete contratos rexe con efecto retroactivo desde o 14 de marzo, día de entrada en vigor do vixente estado de alerta en España. «Tentámolo retrasar, pero non podiamos facelo máis», explica Gorgoso. Por un lado, «en beneficio dos traballadores. Varios clubs cortaron contratos. No noso caso, seguen cotizando, e percibindo un paro». No tocante ás xogadoras, aquelas cun contrato, con arredor da metade do cadro de persoal do primeiro equipo compensado con bolsas económicas deportivas que deberan estar aseguradas á marxe da paralización da actividade.

Na presentación do ERTE, continúa o vicepresidente do Cortegada, a directiva pensou tamén na continuidade do club, en tanto «nesta situación non tes cartos para seguir pagando a seguridade social e os salarios». Un capítulo que se presenta moi escuro tamén a medio prazo, opina Gorgoso: «Hai clubs da nosa categoría que están a falar de pechar as portas. Nestes momentos non sabes que apoios vas ter despois de que pase isto, nin as subvencións que poidan manterse e en que cantidades».

Neste sentido, José Gorgoso volve reclamar, como desde o primeiro momento en que todo o mundo comprendeu que o confinamento ía prolongarse moito máis aló das dúas semanas de prazo co que comezou, que a Federación aprobe dunha vez a cancelación da Liga Feminina 2. Unha competición á que lle restaban as cinco últimas xornadas da súa fase regular máis a fase de ascenso a oito cando se parou todo, e que neste momento está suspendida oficialmente ata o día 26 do presente mes.

«Penso que ao final van cancelar», manifesta o vicepresidente do Cortegada, que ve tras o retraso federativo «o temor a denuncias nos xulgados de equipos que inda falan de ascensos. ¡Paréceme surrealista! O importante agora é a saúde da xente».

Desta mesma opinión é Maite Méndez. A adestradora e tesoureira do C.B. Arxil lembraba onte que «nós desde o primeiro momento defendimos a suspensión da Liga. Temos amigos en Italia, e xa nos dixeran que isto ía ir para longo».

Méndez pregúntase quen pode pensar en retomar a Liga: «É que non vai ser posible. Se se empeza en xuño, é inviable. Non hai prazos para xogar os cinco partidos que quedan máis a fase de ascenso. ¿E que imos, a adestrar con máscara? Estáse a falar do verán para poder volver facer actividade grupal... O primeiro é a saúde. E despois, hai que entender que non podemos poñer as xogadoras a competir do día á noite».

O Arxil nin recurríu a un ERTE, nin o fará. A súa tesoureira explica que o club tan só contaba con catro contratos, de xogadoras do primeiro equipo, que decidiron rescindir a súa relación co Arxil para poder volver aos seus respectivos fogares, entre elas as súas tres foráneas. Unha marcha que se producíu entre a primeira semana do confinamento e a Semana Santa. Deste xeito, de ter que reanudar a Liga, o conxunto pontevedrés teríao que facer con tan só sete xogadoras do seu primeiro equipo.