Poida que sexa mal pensado, pero é que non escoito a ningún dirixente falar de plans e inversións para coidar aos coidadores o día despois
10 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.E sta situación de estado de alarma non se podería afrontar dun xeito razoable sen a solidariedade dos medios de comunicación fiables, dos médicos, enfermeiras e doutros sanitarios, dos corpos de seguridade e Exército e dos profesionais do ámbito social que se desviven para atenderen anciáns e dependentes. Non me esquezo de investigadores, fabricantes e, por suposto, de todos os profesionais e autónomos que vemos como nos quedamos sen chan onde apoiarnos. Tampouco esquezo, claro está, os afectados e os falecidos. Todos estes grupos, os que están activos en primeira liña e os que soportan pasivamente esta peste, van ter un nexo común: moitos van, imos, quedar afectados psicoloxicamente.
É coñecido que en situacións de catástrofes, e esta está a ser un cataclismo, unha hecatombe, é preciso atender animicamente a dous tipos de persoas: por unha banda ás vítimas, que se enfrontan á perda de elementos vitais, e, por outra banda, aos intervenientes na salvagarda dos afectados. Para asistir os prexudicados supoño que estarán en funcionamento os equipos habituais e, ademais, os propios profesionais que representan a vangarda nesta loita sempre terán a formación e a palabra xusta para buscar que os afectados afronten e superen estes sucesos con enteireza. Son profesionais e, aparte de cada un a súa arte, como norma xeral teñen por vocación a empatía necesaria co damnificado. Pero non vexo que ninguén estea a falar aínda das afeccións psicolóxicas -síndromes de burnout, vicario, estrés- que están a axexar a estes grupos de técnicos, que teñen como característica común un afán de servir aos demais e, polo tanto, unha gran sensibilidade e empatía coa dor dos semellantes. Son persoas e descoñezo se só se está a pensar nelas como nun exército necesario para librarnos do COVID- 19 e hai esquecemento total de que moitas van resultar afectadas psicoloxicamente por compartir todo o sufrimento humano que se deriva do día a día, enfrontándose á tensión de salvar os demais, pondo en perigo a súa propia vida, convivindo coa enfermidade, dor e mortes decotío, sen material suficiente e sen a certeza de que o que lles facilitan sexa bastante. Son seres humanos e toda esta tensión, presión, nerviosismo, estrés, angustia, incerteza e inseguridade ten que pasarlles factura. Á forza.
Ben é certo que, probablemente sen saber que se trata dunha especie de tratamento psicolóxico colectivo, a xente do común saímos cada día ás oito da tarde a aplaudilos. Seguramente é un modesto xeito de que se sintan arroupados pola sociedade. Pero tamén é verdade que teño un certo medo de que, así como a pesar das advertencias non dispuxeron de material bastante para protexérense, tampouco ninguén estea a pensar neles para o día despois, porque vai ser necesario que se lles procure asistencia psicolóxica, individual e grupal, para poderen volver á súa normalidade. Poida que sexa mal pensado, pero é que non escoito a ningún dirixente falar de plans e inversións para coidar aos coidadores o día despois.