Vento da Travesía: Do 6 ao 8 de setembro de 1717

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende mediados do XVI, os de San Vicente e a Galicia agraria, estaban comestos por foros e imposicións diversas. Nese tempo a saga dos Gago, foreiros santiagueses, ante faltas de pagamento acudían ao tribunal de Compostela que, con presteza, ditaba ordes de execución. Nesa presión uníronse outros como Juan Fernández en reclamación de alcabalas ou a pontevedresa Constanza Bermúdez de Castro quen, naqueles anos, tiña demandado aos labradores de San Vicente.

Recórdame o historiador Juan Francisco Vidal que «levaban varios anos de malas colleitas, demografía estancada, matriculados no mar para as armadas reais, levas forzosas para os tercios de Flandes, pestes, agros abandonados e fidalgos rentistas. Non tiñan outra saída: ou rebelarse ou morrer de fame». A esta asfixia contribuían os dezmos da Igrexa, que, igualmente, acudía á Xustiza. Non obstante, o párroco Pedro Mareque estaba extraordinariamente vinculado á veciñanza e foi o único enterrado baixo o altar de Adro Vello. Ata 1748, ano da primeira prohibición, podíase sepultar dentro das igrexas e, por iso, probablemente os esqueletos desenterrados, sen respecto, no interior deste templo son os dos demais protagonistas desta historia.

Este cura tiña descendencia de seu e, ademais, trouxera da súa natal Santa María de Conxo a un sobriño que casara na parroquia e que tería un fillo que tamén sería párroco en San Vicente. Nesta revolta que relatamos, este crego permaneceu entre bambolinas, pero despois de asustarse co asalto da noite do 5 de setembro, apareceu.

Na mañanciña do 6 dou orde para que levaran á reitoral a José Andrés Sánchez Portocarrero, exhausto e malferido e a Joseph de la Yglessya, cunha gran chaga na cabeza. A reitoral permaneceu sitiada polos veciños e en diversas ocasións o capitán de Valga tentou enviar peticións de socorro, pero non houbo quen se fixese cargo. Dixo el: «Y aunque e pedido a algunas personas me llebasen una carta a la Villa de Sanjenjo para la Justticia della u a Don Francisco San, Capitán de las Salinas de Noalla para que nos viniesen socorrer y acer se levantase el sittio no hubo quién se atreviese a llevarla por estar los caminos ocupados con guardias y espías».

Pedro Mareque e veciños, á unha, pretenderon que o señor da Casa da Fonte, encerrado na reitoral, asinase outro documento renunciando a denuncias contra os asaltantes. O día sete o capitán de Valga convenceu ao vicecura para que entregase unha nota de auxilio ao párroco de San Martiño. Contouno así: «viendome tan apurado me balí de dicho lizenciado Don Venitto Sartajes para que me llevase una carta al lizenciado Don Pedro Viguera, cura de la Villa del Grove que está a lo último de dicha ysla, que lo a echo así en el día Siete». E don Pedro Viguera o día 8 armou unha lancha con Miguel Grande, Manuel Fernández, Roque García, Baltasar Pérez, Pedro Domínguez e Andrés Ramos, mariñeiros do Grove, e ordenou rumbo á praia da Barcela. Ao quereren varar foren detidos por unha partida: «salieron unos treinta hombres armados a ympedírselo con chuzos, hozes y otras armas».