Marea da Vila denuncia o mal estado que presenta o centro social de Vilaxoán

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

«Esta fin de semana estaría ben que o goberno se tivese achegado tamén ao centro social de Vilaxoán a mollarse coa veciñanza», asegura María de la O Fernández

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Durante a celebración do festival infantil de entroido organizado no salón de actos do centro social de Vilaxoán, este domingo, comezou literalmente a chover dentro das instalacións. Púidose comprobar unha vez máis o mal estado do centro e as deficiencias que a veciñanza leva denunciando dende hai máis de medio ano», denuncian dende Marea da Vila.

As necesidades e deficiencias do centro xa estaban sobre a mesa a principios do 2019. Marea da Vila atendeu no seu momento á veciñanza e falaban de serios desperfectos que atender, reformas adaptadas ás necesidades dos colectivos que utilizan as instalacións e de mellorar o centro en materia de accesibilidade.

«Xusto a semana na que o goberno actúa tarde e a rastras en Vázquez Leis vemos como tamén chega tarde no centro social de Vilaxóan», asegura a portavoz da formación, María de la O Fernández.

«Esta fin de semana estaría ben que o goberno se tivese achegado tamén ao centro social de Vilaxoán a mollarse coa veciñanza e explicarlles cando, como e que teñen pensado facer nas instalacións municipais. Necesitamos un Concello máis próximo», apuntan dende Marea.