As comparsas volverán concursar en Vilagarcía

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

A gañadora recibirá 1.200 euros, 900 a que se clasifique en segundo lugar, o terceiro premio estará dotado con 600 euros e con 300 o cuarto e último

04 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As agrupacións musicais que desexen participar no Entroido de Vilagarcía poderán inscribirse a partir do xoves, 6 de febreiro, no certame de comparsas que este ano recupera a modalidade de concurso e eleva a contía económica dos catro premios que se concederán ás mellores actuacións. Deste xeito, a concellería de Cultura pretende atraer a atención das formacións e, co carácter competitivo, elevar a espectacularidade das actuacións que se porán en escea no auditorio. Así, a comparsa gañadora recibirá 1.200 euros, 900 a que se clasifique en segundo lugar, o terceiro premio estará dotado con 600 euros e con 300 o cuarto e último. En total, a Concellería de Cultura destina ao concurso de comparsas 3.000 euros, segundo indicou onte Ravella.

O Concurso de Comparsas é o acto que tradicionalmente abre a programación de Entroido en Vilagarcía, o Domingo de Entroido, que este ano é o 23 de febreiro. O acceso ao festival é libre e de balde para o público, aínda que se controlará o aforo por motivos de seguridade.

As comparsas que desexen concursar no certame deste ano deberán inscribirse entre o 6 e o 14 de febreiro, presentando o formulario nas dependencias da Concellería de Cultura, de luns a venres e en horario de 9 a 13 horas. O formulario pode imprimirse a través do taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal. Ou da sede.vilagarcia.gal, así como obter directamente na Concellería. Os requisitos indispensables para participar son con polo menos 25 integrantes, representados por un maior de idade e ofrecer unha actuación de entre 15 e 20 minutos. As letrillas deben ser entregadas en Cultura antes do 20 de febreiro.

Un xurado nomeado pola propia concellería e composto por persoas relacionadas co mundo da cultura, a música, información, deseño e xornalismo, entre outros campos, será o encargado de avaliar e fallar os premios, avaliando especialmente o ton satírico, o vestiario, a animación, espectacularidade, orixinalidade, conxunción e música. O fallo darase a coñecer ao remate das actuacións.