O Concello solicitará axuda á Xunta para organizar o vindeiro verán un certame multidisciplinar
27 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Trala recuperación para o menú cultural vilagarcián do Atlantic Fest, o Concello de Vilagarcía insistía no seu proxecto para converter á capital arousá en todo un referente cultural en Galicia. Nese contexto hai que interpretar a nova proposta formulada dende Ravella. Trátase de «Vilagarcía, Cidade do Libro», un evento «multidisciplinar de gran formato, fundamentado na literatura e con especial atención á temática Xacobea e dos Camiños de Santiago».
Pero para poder desenvolver o proxecto que ten en mentes, «o Concello de Vilagarcía precisaría da colaboración da Xunta de Galicia para poder financialo». E por iso, a Xunta de Goberno Local acordou o pasado luns solicitar unha subvención a Axencia Turismo de Galicia a través da programación do vindeiro ano Xacobeo 2021.
«Vilagarcía, Cidade do Libro 2020» tería como epicentro unha feira do libro, un espazo expositivo editorial e literario cunha intensa programación de actos variados a realizar, e que se complementaría con actividades noutros espazos e parroquias do municipio arousán.
Presentacións de novidades literarias, conferencias, contacontos, firmas de libros… combinaríanse con pasarrúas, xogos baseados na literatura, teatro e outras manifestacións culturais.