Do Adro Vergoña

La Voz

AROUSA

MONICA IRAGO

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Imos ver: Santa Eulalia de Bóveda, século III; Torre de Hércules, século II; muralla de Lugo, séculos III e IV; acueduto de Segovia, século II. Vostede, lector, que considera que hai que facer con estes monumentos históricos? Atuílos, derrubalos, deixalos caer? Como cualificaría entón, non fai falta insultar moito, aos que non quixesen conservalos? Pois isto é o que está a pasar no concello do Grove, dentro da europea Galicia e da moderna España: na punta dos Castriños hai un ou dous castros costeiros datados, en principio, na Idade de Ferro. Pobres ou ricos, son a atalaia que veu pasar todo o que sucedeu na ría de Arousa desde antes da chegada do Imperio Romano. Inzados de toxos, silvas, estripos e algunha figueira.

Ao lado deles, no Adro Vello, descomponse, entre fentos, unha das chamadas villa a mare, romana, debaixo da cal desenvolveuse unha industria de salgadura, cetariae e sobre a que despois houbo cultos e enterramentos ata o XVIII. Na campaña do 1987, o profesor de Medicina José Carro Otero desenterrou tres tanques impermeabilizados, con restos de peixe. Tendo en conta os ciclos da salmoira, uns vinte días, estimou para eles unha produción duns 190 metros cúbicos anuais, unha pequena industria. Esa explotación, que puido ser continuación doutras, non estaba alí por casualidade: había unha poboación castrexa; instalouse a carón dun mar fértil en sardiñas e xurelos; dispuña de auga abondosa para os ocupantes, pero tamén para limpar o peixe, xa que polo extremo leste desaugaba a regueira que nace na Fonte do Santo; tiña salinas no esteiro do sur, porque a marea subía pola desembocadura dese regato e era fácil atracar. As investigacións e as estruturas descubertas abandonáronse sen que as prospeccións alcanzaran a cuarta parte do xacemento.

A estrada da Deputación, desde os anos 50, fixo de barreira para a entrada e saída do mar, case provocou a destrución do embarcadoiro e continúa a danar o conxunto con cada vehículo que a transita. Non faltan os aparcadoiros de praia enriba do xacemento. O desleixo é clamoroso. Xunta, Deputación, Concello, Costas, permiten o seu deterioro a pesar da extraordinaria riqueza que xa sabemos que atesoura, porque non só quedan restos dunha cetariae: hai unha villa romana construída enriba, unha torre defensiva, unha igrexa anterior a 899 e polo menos outra posterior, sartegos e incluso laudas a deuses descoñecidos. E todo o que se descubrirá cando alguén competente harmonice as Administracións, levante a estrada e siga investigando para acadar a verdadeira dimensión do xacemento. Soñemos con algún día no que o espazo desde Os Castriños, Carreiro, Barreiriño -extraeríase de alí arxila para as ánforas?-, Barcela ata Gormeán se transforme nun centro de investigación da historia galega, desde o Bronce a hoxe. Mentres tanto, lector, importúnoo: vostede que opina dos terroristas que destruíron Palmira, a cidade siria contemporánea da salga de Adro Vello?