Do Adro Vergoña

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

Ochoa reflexiona sobre o estado de deterioro que padece o espazo arqueolóxico de Adro Vello ante a indiferencia de administracións e veciñanza

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Adro Vello, na praia do Carreiro de San Vicente, sufriu -sufriu, si- varias quendas de escavacións, esfuracadas e espolios. Desde a remoción do templo a fins do XVIII era un xacemento vivo para os veciños que o mantiveron gardado na memoria. Lémbrome, perfectamente, dunha reprimenda paterna, ó redor de 1967, pola desconsideración de xogar cos ósos dos antepasados que xurdían entre a area. Lévoa gravada. Anos despois chegaron unhas prospeccións estivais, acometidas ao xeito propio daquela. Levantáronse tumbas e lápidas do cemiterio e deixáronse caveiras á luz do día, que remataron sabe Deus onde. A asociación de veciños «La Palma», con Manuel Dopico a fronte, puxo o grito no ceo opóndose ao que tiñan de profanación porque había lembranza de defuntos soterrados. Pedía respecto.

Fixéronse varios ciclos de traballos antropolóxicos e arqueolóxicos, que algo engadiron ao sabido documentalmente pero non adiviñaron onde están as salinas nin o peirao; publicáronse os resultados nalgunhas revistas científicas e houbo fríos debates académicos coas datacións. Máis tarde, colocouse unha pobre cartela turística, con erros, que preside actualmente aquel tesouro, histórico pero tamén sentimental para os de San Vicente.

E agora, de présa, todo se vai destruíndo definitivamente, rodeado dunha malla de galiñeiro oxidada, mentres os partidos, non só nas eleccións locais, latrican con recuperar Adro Vello, levantar a estrada e facer unha ponte, expropiar a casa construída enriba do xacemento ou fundar un museo.

Todo mentira, engano, unha especie de isco para saquear un monlliño de votos. Non é fácil adiviñar que clase de conciencia poden ter os que, unha vez tras outra, largan esas propostas e, alcanzado o poder, sistematicamente, esquécenas e moléstanse se se lles lembran.

Non é cousa dunha lexislatura: cada pouco tivemos e teremos que soportar, con esa ridícula expresión de pór en valor, falsos proxectos para dignificar Adro Vello. Foron e serán embustes, trolas; isco que, como todo engado, dá noxo.

Entre os Castriños, Carreiro, Adro Vello, Barcela e Gormeán, un quilómetro á beira do mar, queda retratada a historia de Galicia, desde a cultura castrexa ata o XIX. Debería ser un sitio iniciático, sacro; porque é unha fortuna inmensa ter ese conxunto único, do que se sabe moito e aínda se ignora un mundo; citado como referencia científica, que mantén un vínculo afectivo cos de San Vicente pero que, agora mesmo, é espello da desidia cultural: do Concello por rexeitar converterse no adaíl e reitor dese tesouro, se cadra porque non está no anódino Corgo; da Deputación por non asumir a necesidade de botar man del, eliminar a presión e contacto coa súa estrada e investir no conxunto; da Xunta de Galicia por pechalos ollos con irresponsabilidade e desleixo, mantendo esa infamia. E da veciñanza, por consentir, caladiña, chegar a tal esquecemento e abandono do propio, da memoria histórica de seu.

Se mo permiten, dedicarei os vindeiros domingos a falar disto aínda que a resposta será, se se le, agardar a que cale.