O Intecmar manexará o vindeiro ano un orzamento de 3,6 millóns

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A súa directora, Covadonga Salgado, salientou no Parlamento de Galicia que o centro que dirixe contará o vindeiro ano cun orzamento un 8% superior ao deste ano

04 nov 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, abríu a semana destacando no Parlamento de Galicia que o centro que dirixe contará o vindeiro ano cun orzamento un 8% superior ao deste ano e que superará os 3,6 millóns de euros. Neste sentido, salientou que esta nova suba supón manter a tendencia de orzamentos crecentes iniciada no ano 2013 e que se traduce nun incremento acumulado dos fondos asignados do 41% desde ese ano.

A responsable do centro dependente da Consellería do Mar subliñou a importancia da actividade do Intecmar no control da calidade do medio mariño e dos seus recursos e detallou que un dos capítulos de gastos que máis aumenta é o de persoal, que supera os 2,3 millóns tras subir un 7,5% respecto a 2019 pola incorporación de tres profesionais para reforzar os laboratorios do centro, especialmente a unidade de biotoxinas.

En canto aos gastos correntes, increméntanse un 12% en relación con este ano ata superar os 650.000 euros pola necesidade, entre outras, de acometer reparacións e melloras nas instalacións do centro. Mentres, os gastos para investimentos soben case un 23%, por enriba dos 710.000 euros, para dar cumprimento aos obxectivos operativos do Intecmar en materia de seguridade alimentaria no marco da rede de control e da reposición e actualización dalgúns equipos de laboratorio.

O resto dos gastos, máis de 71.000 euros, teñen como finalidade executar os investimentos de distintos proxectos de investigación nos que o centro participará en 2020 como son os europeos Norwater, Alertox-Net ou CleanAtlantic así como outros nacionais ou financiados con fondos propios da Xunta como Aquasome, Arios, Madetox, Bio-Mya ou Proambrubia.