«No noso caso pop e popular van da man»

AROUSA

MONICA IRAGO

Os Amigos dos Músicos actúan mañá no concerto que pecha a programación musical do Marisco

11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O deste sexteto ourensán é unha desas cousas que a un lle reconcilian coa música. Cando alá polo 2006 soubemos deles o certo é que non sabiamos moi ben onde ubicalos. Recollían referencias da canción popular, artellaban estruturas do rock máis sofisticado, debuxaban retrousos de puro pop... E facíano todo con incríbel naturalidade. Coma se toda esa complexidade que se agacha tralas súas composicións se diluíra mansamente ao chegar aos ouvidos de quen as escoita.

Quedaba corroborar que aquel primeiro disco non era só flor dun día. E en abril deste 2019 chegou Segundo fogar. As expectativas non só se cumpriron senón que foron superadas con creces.

-Xa en abril escribín que «Segundo fogar» era firme candidato a disco galego do ano. Estamos en outubro e segue sendo o meu preferido.

-Moitas grazas porque o cumprido se manteña no tempo. E se non é o disco do ano, que soa grandilocuente, que sexa valorado disco que tivo un interese.

-Dende o punto de vista estético, semellan «anti artistas». Realmente parecen un grupo de amigos sacados dun bar.

-É certo, Non somos unhas caricaturas nin uns personaxes arquetípicos do pop ou do rock. Somos xente normal que temos un grupo. E xa está.

-Os seis teñen un traballo alleo ao grupo. Asústalles a dimensión que está adquirindo o proxecto?

-Non, é un equilibro que temos moi claro. Sabemos ata que punto podemos esixirnos horas de dedicación á banda. Temos moi claro os límites e polo de agora estamos conseguindo manter ese equilibrio. É certo que ás veces rexeitando concertos.

-Escoitando a Os Amigos dos Músicos enténdese ben porque pop ven de popular.

-Si, nós entendemos que facemos canción popular. Canción popular no sentido de que son cancións que pode cantar a xente, que están expresadas nunha linguaxe que entende todo o mundo. Hai 200 anos, por exemplo, o que era popular é o que hoxe coñecemos como música tradicional. Daí que si, hoxe en día, no noso caso pop e popular van da man.

-Ata agora nas festas gastronómicas adoitaba actuar a banda de música, as agrupacións locais de folk e as orquestras pola noite. Agora hai concertos de pop e rock. Que lle parece ese cambio de modelo?

-Paréceme moi ben. O modelo das orquestras non é un modelo artístico nin cultural senón mercantil. Paréceme moi importante que nas festas se programe música tradicional, que nelas se involucre as asociacións e as escolas de música que haxa nas vilas ou cidades. E despois que se leven propostas artísticas creativas, culturais, como poden ser o pop ou o rock. O importante é que non sexan propostas puramente mercantís.