Cando se construiu a capela de San Vicente, os veciños foron na procura dunha patroa
06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Pois si, en San Vicente do Mar apareceu a Virxe. Alá polos primeiros sesenta do século pasado andaron por San Vicente uns belgas. Non viñan tocados co casco colonial, pero disque foron dos primeiros en lucir pantalóns de campá. Buscaban un solar para construír unha casa para a reina Fabiola; botaron tempo na Barrosa xa que a monarca devecía por Punta Miranda ou o Burato da Londra, porque en agosto do 1961, en lúa de mel, Balduino e ela pasaran na Enseada da Lanzada uns días de pesca, esquí e xantares a bordo do iate Pinzón e correu a voz de que aos soberanos, que veraneaban no pazo santiagués de San Lourenzo dos donos das illas Sisargas, gustáralles o sitio e querían ter por aquí unha residencia. Poucos anos máis tarde, polos eloxios que fixeran aqueles reis entre a alta sociedade, entrou en escena Miguel De La Cierva que iniciou a modélica urbanización de San Vicente do Mar, deseñada polo arquitecto Álvarez de Sotomayor cunha concepción moderna: edificios exentos, prazas amplas e ben trazadas. A urbanización foi un éxito de vendas, aínda que non parece que chegase a ser un gran negocio. Nun abrir e pechar de ollos armouse un pobo de segundas vivendas para as elites de Galicia. Un paraíso. Pero faltaba algo: unha advocación para a nova e preciosa capela proxectada por Pablo Pintado y Riba. Non tiñan unha patroa. E así sucedeu que nunha distendida noite de verán, cando xa nas cabezas flotaban tantas néboas como as propias daquel mes de agosto, argallouse unha santa cruzada. Algúns dos máis distinguidos da urbanización avituallaron un bote con licores para a travesía e, xa noite fechada, puxeron rumbo Sur, a Ons. Desembarcaron na illa e, lixeiros, subiron Curro, á capela de san Xaquín e recolleron, con complicidades pactadas, caladiños, o tesouro que ían buscar. De regreso a San Vicente non empezaron a cantaruxar ata virar no Centulo. Iso si: entoaban coplas, aínda que profanas, respectuosas. Arribaron de madrugada na praia de Civide, que agora chaman dos Namorados e depositaron na babuxa aquel prezado vulto que traían. De seguido, uns desprazáronse ao Grove na procura dun fotógrafo e dun periodista e outros foron en busca de Don Ovidio, o párroco. Ao día seguinte, a prensa traía, en castelán, un gran titular: «Milagre!, aparece a Virxe nunha praia de San Vicente». Despois ía unha entradiña que describía a beata procesión, entre a praia e o novo templo de San Vicente do Mar, encabezada pola efixie da Virxe de Fátima en andas e o párroco, con casula branca, detrás. Unha xornada despois, chegaron en dornas Checho Vidal, da illa de Ons e uns cantos veciños, con francadas ao lombo. Checho só dixo: «A Virxe é nosa». Un dos de San Vicente tatexou «É que tedes dúas…». A faciana dos da illa non estaba para retesías e esa imaxe da Virxe aínda hoxe é venerada no altar da capela de san Xaquín.