«Fariña» salta ao teatro, con dúas funcións en Vilagarcía

AROUSA

Cedida

Producida polo autor do libro e polo actor Xosé A. Touriñán, chegará ao auditorio o 10 e 11 de xaneiro

21 sep 2019 . Actualizado a las 20:29 h.

O 25 de outubro as táboas do Teatro Colón da Coruña serán o escenario da estrea da adaptación teatral de «Fariña», a obra recompilatoria da transformación do tráfico ilegal de tabaco no macro negocio do narcotráfico en Galicia, coa Ría de Arousa como o seu epicentro. Un libro escrito polo xornalista Nacho Carretero, e convertido nun éxito de vendas pola súa recente versión televisiva, que o seu autor e mais o actor Xosé A. Touriñán, integrante do elenco na serie, pretenden extender agora aos teatros. Entre eles, o auditorio de Vilagarcía, no que se representará o venres 10 e o sábado 11 de xaneiro, en funcións a partir das 20.30 horas.

Nacho Carretero e Touriñán, o coñecido actor e humorista do país que traspasou as fronteiras de Galicia co seu papel televisivo dun dos fillos de Manuel Charlín Gama, son os produtores desta proposta dramática, que conta, ademais de co propio Touriñán, cun elenco de caras coñecidas do mundo da interpretación galega, caso de Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Iglesias ou Sergio Zearreta. Os actores entrarán e sairán de escena intermitentemente para poñerse na pel de varios dos moitos personaxes que desfilarán polas táboas para contar a realidade tristemente coñecida das raíces, da orixe e do crecemento do narcotráfico nas Rías Baixas; e como a súa podredume impregnou a vida pública, con políticos e axentes da lei corruptos, causando estragos entre toda unha xeración de mozos e as súas familias e amigos.

Dirixido por Tito Asorey coa asistencia de Víctor Duplá sobre o texto adaptado polo dramaturgo José L. Prieto man a man co propio autor, Nacho Carretero, a obra teatral conta co seu propio tema musical orixinal, «Que mal vai ter?», a cargo do grupo Novedades Carminha.

As entradas, xa á venda

Con case catro meses inda por diante ata as dúas funcións teatrais de «Fariña», a productora da montaxe abrirá a venda anticipada de entradas para a súa escala na capital arousá o vindeiro luns a través do portal ticketea.com a 22, 20 e 18 euros, máis custes de xestión. Os interesados tamén poderán adquirilas chamando ao número de teléfono 911 982 284, ou na páxina web farina.gal. Como é habitual, tamén caberá a posibilidade de facerse con entradas os propios días das funcións, o 10 e 11 de xaneiro, na billeteira do auditorio desde dúas horas antes do inicio das representacións.