«Zahera poñendo en ridículo a Zahera»

AROUSA

EDUARDO PEREZ

O actor presenta o sábado, no auditorio de Catoira, un espectáculo no que parodia a farándula coas súas anécdotas

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Do Luar a gañar un Goya, non sen antes pasar polo Petróleo de Portozás ou polo Releches de Celda 211. Non se fixo o mundo nun día, e a carreira de Luis Zahera (Santiago de Compostela, 1966) non ía ser máis que o mundo, aínda que ás veces semelle igual de grande. Non o dicimos por cumprir, pois aos 52 anos xa apareceu en 30 longametraxes, 20 curtas, 11 series e acumulou innumerables anos asistindo ao Luar; unha traxectoria que lle deixou nada menos que catro Mestre Mateo, unha medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos e o seu prezado Goya. Pero máis aló dos premios, o que en realidade o move é o teatro, precisamente o que virá facer a Catoira este sábado, dende as 21.30 horas, no auditorio municipal.

-Se a actuación vai de anécdotas, o seu currículo dá para moitas.

-Digamos que si. No espectáculo tento facer un percorrido do noso traballo, da farándula. Acudo a anécdotas, si? Pero é unha parodia dun actor calquera, nós pensamos que somos a «hostia» e? Moitas veces cremos que imos chegar moi lonxe, o éxito, todas esas cousas; e na maioría das ocasións non temos nada de particular. É o conto de a onde pensaba que chegaría e onde estou. É dicir, poñerse en ridículo.

-Deulle máis anécdotas o Goya ou Petróleo?

-Son xa moitos anos? Co Luar comecei na televisión, entrei no 93, e é posible que me dese as anécdotas máis bonitas. Foron anos moi emocionantes, ter fronte a ti aos grandes era incrible. Camilo Sesto, Raphael, todas as grandes estrelas? En Luar sendo novo, todo impresiona máis, todo é efervescente? É normal que mirase abraiado, todo era novo para min. E compartir programa con esas persoas foi moi emocionante e instrutivo.

-Estivo en películas e series, recibiu premios pero... Que teñen os escenarios pequenos que sempre volve a eles?

-Penso que é todo máis natural cando non hai cámaras, por iso escollería o teatro como a miña disciplina favorita. Dentro da mentira e da farsa, que é o dos actores e actrices, o teatro é o máis puro, onde a xente o vive mais. As prazas, os bares, os pequenos teatros teñen esa conexión co público. Trátase de algo moi simple, que leva funcionando toda a vida e marabillando á xente da rúa: contar unha historia. Ese sinxelo feito leva atraendo á xente dende hai miles anos. Outro dos puntos importantes é a improvisación, que reina nese teatro que reivindico ou nos monólogos. No cine repites ata que saia ben e na tele, o mesmo? Nun monólogo tes que ir do tirón, como saia, por iso contén esa frescura e naturalidade que tanto atrae á xente.

-Leva meses sen parar de traballar. Que proxectos ten?

-Son moitos e moi variados. Dende a participación dunha serie en México? Ata o comezo dun traballo sobre o Camiño de Santiago o vindeiro xaneiro. Teño un lote de «choio» parado, agardando o seu momento, pero case que prefiro non dicir de que se trata, que non o quero gafar. Aínda que, de todos os xeitos, nunca se sabe o que pode pasar, pois a industria actual variou tanto nos últimos tempos que dentro de dez anos seguramente xa non teña nada que ver co que hoxe temos.