Os dous minutos de vantaxe que sacou no aparello en terra foron decisivos
25 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Dúas horas e 10 minutos. Ese foi o tempo que na tarde de onte lles levou a Dorado e mais a Chica completar a Regata do Bao, e proclamarse gañadores da mesma a bordo da Pereka. Con 2 minutos de vantaxe sobre a Nécora de Braulio e de Harry, segundos clasificados. Os mesmos 2 minutos que a tripulación da Pereka lles sacou aos seguintes en aparellar a correspondente dorna a vela na area da praia da Illa de Arousa que lle dá nome á proba, coa embarcación debendo ser montada na súa totalidade antes de botala ao mar. E é que Dorado e Chica mostraron unha pericia fóra do común, precisando de tan só 38 segundos para lanzarse á auga, e que a súa dorna a vela vogase a pleno rendemento.
Así foi como, cunhas condicións inmellorables, cun vento sostido de entre 6 e 10 nós, os vencedores cubriron en solitario as dúas voltas ao triángulo que formaba o campo de regatas, co Cabodeiro e as pedras dos Bouzóns, baixo a ponte, completando o xogo de vértices. Tras a Pereka e a Nécora, chegaron a Jalerna de Carterola e Ricardo, que dúas semanas atrás gañaran a Volta á Arousa, cun tempo de 2.13, a Forza R de Parada e Santi, en 2.14, e a Xarandeira de Santi e Pichón, en 2.15. As catro primeiras da Asociación Dorna, a última da Fasquía.