Sen vivencias nin vocación de xogador, Manuel Vázquez, cofundador, expresidente e actual tesoreiro do BBC, é un dos piares do baloncesto moderno arousán
22 jul 2019 . Actualizado a las 10:04 h.«Non, non, non. En absoluto. Fun negado para o deporte. Eran outras épocas. Con 16 anos xa estaba traballando». Sendo o que foi, e o que sempre será para o baloncesto de Vilagarcía, o de Manuel Vázquez Martínez (1942) non resulta tan estraño. Que alguén da súa quinta non botara un balón na vida e, porén, decidira promover cun pequeno grupo de pais un club a mediados dos 80, sen imaxinar que acabarían convertendo a criatura no referente do baloncesto arousán moderno.
Corría o verán de 1985. Manuel tiña a dous dos seus fillos xogando na pequena estrutura de base, 3-4 equipos, que o mítico Oar Ferrol, daquela nos seus mellores momentos, montara en Vilagarcía. Pero entón o club departamental decidíu prescindir dela. «Recordo que estabamos esperando no Bar España da alameda o regreso do autocar que traía os nosos rapaces dun intercambio co F.C. Porto. Varios pais comezamos a falar da decisión do Oar, e aí decidimos constituír un novo club», rememora Vázquez.
Juan Cambre, que na súa etapa de deportista chegar xogar na Primeira División do balompé portugués, foi o primeiro presidente do Básket Base Club. Vázquez, con experiencia como pioneiro en calidade de coimpulsor do prestixioso Coro Liceo Marítimo, onde comezou a súa carreira amateur de tenor, é o único da media ducia de cofundadores que, 35 anos despois, loce unha folla de servizos ininterrompida nas sucesivas directivas dun BBC que, cóntanos, tiña o actual presidente da entidade, Isidoro Canabal, entre os xogadores dos dous equipos infantís cos que botou andar na tempada 1985/86.
«O club medrou enseguida. Na terceira tempada xa andabamos nos oito equipos, ademais dunha escola. Uns 120 nenos -o BBC foi sempre un club masculino-». Manuel Vázquez fala daquel grupo de pais fundadores como duns «autodidactas», e dunha etapa «moi ilusionante», e agradecida.
Aos catro anos Cambre retirouse, e Vázquez asumíu a presidencia do BBC, que desempeñou doce anos. O novo mandatario e os seus compañeiros de xestión non tardaron en sentir a necesidade de dar un paso máis. «Levabamos uns 3-4 anos cun equipo sénior, competindo na Primeira Nacional, e contratamos a Larry, o adestrador do Verín de EBA. Ese ano non conseguimos o ascenso nas canchas, pero Larry enterouse de que Verín quería deixar a EBA, e comprámoslle a praza». Era mediados dos 90, e o conxunto xuvenil do BBC viña de xogar a fase final júnior galega con canteiráns coma Pablo Villaronga ou Gustavo Andújar, co tempo convertidos en homes importantes do equipo nunha daquela, anos 90 e mediados dos 2000, EBA potente.
«A ilusión de ter un equipo de Vilagarcía a un nivel moi importante», iso foi o que moveu a dar o salto, explica Manuel Vázquez. Iso, e a confianza do apoio, desde practicamente o inicio do club, do patrocinio da firma Inelga.
Das fases de ascenso á orixe
Cinco fases de ascenso xogou o BBC nas súas once campañas na EBA. Estreándose nelas co histórico xogador do Breogán e hoxe home forte do club lucense, Tito Díaz, como técnico. Tras unha das fases o BBC puido ter ascendido á LEB Prata a tempada da súa creación. «Pero non o viamos viable economicamente. Para nós ir ás fases sempre foi un premio, unha ilusión, unha satisfacción de poder pelexar cos mellores. Pero nunca vimos factible dar o salto. E coa perspectiva do tempo, sígoo pensando», sinala Vázquez.
O vilagarcián vivíu xa como tesoreiro a decisión da directiva de prescindir do conxunto EBA a finais da pasada década e centrarse no traballo de canteira. «Había unha diminución da asistencia do público desmotivante, a pesar de que nas dúas últimas tempadas a maior parte dos xogadores eran de aquí, e coincidíu coa crise», sinala. Atrás quedaban un bo número de páxinas douradas. Algunha delas, nacida do momento máis dooroso do BBC, o pasamento en accidente de tráfico de Michi Ares, recén saído daquel brillante equipo xuvenil dos Villaronga e Andújar, cando se dirixía a ver un partido dos seus excompañeiros fóra de Vilagarcía. O club organizou tres memoriais. O primeiro, cos Chicos de Oro caendo en 1998 no Pavillón de Fontecarmoa con Grecia un ano antes de proclamarse campións do mundo júnior en Lisboa. «Aquí estiveron Navarro, Felipe e Calderón. Pau non viñera, porque tiña a selectividade», lembra Vázquez.
A Manuel gustaríalle volver ver algún día o BBC na EBA «cando as condicións -interese da afección, patrocinadores e unha directiva ilusionada, di- o permitan». Pero tampouco é algo que lle preocupe. Decidido a deixar a directiva antes da conclusión do actual mandato, dentro de tres anos, goza da extraordinaria saúde presente da entidade. A fusión nesta década das dúas canteiras masculinas do BBC e do Liceo e a da feminina do Cortegada no CLB traducíuse nun proxecto que «por terceira tempada consecutiva ten equipos en todas as primeiras divisións galegas de base». Algo que «creo que só o fan 1-2 clubes máis en Galicia», presume Vázquez.
O gran título da súa carreira
Con isto se queda do baloncesto. Con isto, e co «enriquecemento que me deu ao descubrirme un mundo de valores que descoñecía pola falta de relación co deporte». Ata o punto de que Manuel, recoñecido polo seu gran talante. atesoura «as relacións persoais con tanta xente que fun coñecendo» como o gran título da súa carreira.
Persoal
Manuel naceu no lugar de Sobradelo, Vilagarcía, en 1942.
Currículo
Sen relación previa co deporte, foi cofundador do BBC en 1985. Apaixonado da música clásica, pouco despois faría o propio na Coral de Sobradelo, da que tamén é tesoreiro, tras ter participado anteriormente, hai 40 anos, na fundación da Coral Liceo.