De Amegrove

É unha entidade coñecida en toda Galicia dende 1977, ano da súa fundación


Amegrove, acrónimo integrado na fala, é unha entidade coñecida en toda Galicia dende 1977, ano da súa fundación. Nesas datas estreábase no mundo A Guerra das Galaxias, morría Elvis Presley, en USA detonábanse catro bombas atómicas, Pelé xogaba o seu partido derradeiro, o Concorde voaba en liña regular, iniciábase ARPAnet, que despois sería internet; en España legalizábanse PSOE e PCE, ocorría o maior accidente de aviación na historia con 583 falecidos nos Rodeos, derrogábase a censura na prensa, promulgábase a Lei de Amnistía con sete persoas mortas en Euskadi reclamándoa ou celebrábanse o 15 de xuño as primeiras eleccións democráticas dende a República. No Grove, os bateeiros fartos de andar a rogar co seu produto, fundaban Amegrove ao amparo dunha Lei de asociacións dese ano, cunha directiva integrada por Raúl Fraga, Francisco Silva, Andrés Muñiz, Manuel Dominguez, Santiago Silva, Servando Castro, Guillermo García, Manuel Castro, Juan José Casal, Leopoldo Besada, Antonio Magdalena e Francisco García. Pero como a figura xurídica de asociación nin resultaba apropiada para a actividade mercantil, adquisición e venda do mexillón producido, nin amparaba adecuadamente os dereitos dos socios, unha década máis tarde, sen que se escoitara nin falar do Terceiro Sector, transformábase nunha cooperativa, de novo con Raúl Fraga á cabeza. Este tipo de sociedade, de propiedade conxunta e xestión democrática, acae como luva de seda para as necesidades de Amegrove porque favorece a solidariedade entre os cultivadores de mexillón cos principios esenciais do cooperativismo: un socio, un voto ?os acordos teñen máis en conta a igualdade que a potencia económica, de xeito que quen posúa unha ducia de bateas, ostentará o mesmo poder que o titular de unha-; e o principio de libre entrada e saída, nunha estrutura xurídica forte, de xestión plenamente democrática. Polo camiño, nestes corenta e dous anos de Amegrove, houbo fuxidas lamentables de socios que ou non comprenderon a necesidade da unión ou atenderon a cantos de sereas, mais, con este xeito de funcionamento, o exercicio económico pasado distribuíu esta cooperativa once millóns de euros. Onte, como tódolos primeiros sábados de xullo desde 1923, celebrouse o Día Internacional do Cooperativismo. Nesta conmemoración a ONU propón para o 2019 «celebrar un futuro no que o desenvolvemento humano e a xustiza social son prioridades» e confía en que se dea a coñecer que os traballos cooperativos son máis sostibles no tempo que noutros sectores, amosan unha brecha menor nas ganancias entre os máis e os menos podentes e equilibran a diferenza entre o rural e o urbano, de xeito que o movemento cooperativo é o patrón económico que fai máis achegas á xustiza social. E todo iso que parece tan abstracto estase a cumprir con Amegrove, pioneiro desde 1977, que permite a supervivencia de concesionarios individuais sen que deixara penetrar no sector a grandes empresas, mentres procura aos socios unha certa seguridade. Larga vida ao modelo Amegrove.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

De Amegrove