Máis músicas para animar a Santa Rita

AROUSA

MONICA IRAGO

Quince músicos subiranse esta noite ao escenario da Xunqueira para darlle ritmo propio a romaría urbana

21 may 2019 . Actualizado a las 12:47 h.

Santa Rita xa está preparándose para o seu día grande. A súa vila tamén ten todo listo para unha celebración que conserva moito dese espírito de romaría que antes caracterizaba todas as festas galegas, e que hoxendía resulta tan complicado percibir naquelas que se desenvolven nas cidades.

O Concello asegura que o programa de festas deseñado para estas datas está «collendo velocidade». Vén sendo así dende a pasada fin de semana. E continúa o proceso de aceleración durante a xornada de mañá. A macro foliada que o músico coruñés Xabier Díaz ofrecerá a partir das nove da noite no Parque da Xunqueira, acompañado desta volta polas Adufeiras de Salitre, será o eixo central da xornada.

A proposta coa que Xabier Díaz chega a Vilagarcía toma a forma dun «animado concerto no que o folclore e a música popular galegos serán os grandes protagonistas». Acompañado da percusión e das voces das Adufeiras de Salitre, Díaz dará conta dos traballos do seu último disco en común, «Noró», «todo un canto a Galicia e ás músicas dos pobos do norte».

Este concerto está incluído no programa Musigal da Deputación e, como en todos os eventos incluídos no programa das festas de Santa Rita, a entrada é libre e de balde.

No espectáculo, explican desde Ravella, interveñen 15 músicos que sairán a escena para un directo poderoso, coa clara intención de revisar ao vivo o repertorio da gravación que Xabier e este grupo de 12 cantoras e percusionistas están presentando acompañadas de Gutier Álvarez (violín e zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico).

Polo demais, no parque da Xunqueira segue a estar a feira celta: un conglomerado de postos de artesanía entre os que pasean todo tipo de seres monstruosos e misteriosos. Non perdan a ocasión de se achegar ata alí e descubrir todas as sorpresas que, estes días, se poden atopar neste espazo.